O Concello inicia a 2ª campaña municipal de trampeo contra a vespa velutina

Coa adquisición e reparto de 116 botes de líquido atraente para eliminar as raíñas.

 O Alcalde Luis Piña reuniuse este sábado, 11 de marzo, no apiario do Couto cunha veintena de apicultores locais para entregarlle os 116 botes que permitirán iniciar nesta primaveira os traballos de neutralización dos niños. Xusto nesta época que é cando comezan as primeiras floracións.

Esta iniciativa que reúne aos propietarios de máis de 3.000 colmeas na Cañiza,  todos inscritos no Censo apícola da Consellería de Medio Ambiente, ten como obxectivo capturar ás raíñas velutinas para evitar que aniden e deste xeito se poida reducir o impacto e a merma na nosa abella autóctona.

Segundo informaron ao Alcalde na xuntanza, os apicultores extenderán o produto máis alá das súas propias colmeas, abarcando máis terreo para que a campaña sexa máis eficiente.

Esta campaña da continuidade á iniciativa do Goberno Local, de marzo de 2021, de axuda a esta rama productiva do noso sector primario, que fabrica unha mel moi valorada xa pola calidade da flora de media montaña do noso municipio.

Ademáis o pasado 22 de febreiro o Alcalde Luis Piña asinou a adhesión do Concello a un novo Convenio e protocolo coa Vicepresidencia 2ª e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a FEGAMP para a «coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixiancia e control fronte a vespa asiátiva velutina».

Este «Programa de Vixiancia» recolle as actuacións necesarias para a contención e seguimento da Velutina, tendo en conta que este insecto afecta principalmente á produción apícola e tamén ten repercusións sobre a biodiversidade e a seguridade cidadá.

Inclúe actividades relacionadas coa detección precoz de niños mediante avisos a través do 012 e o control e eliminación/neutralización de niños sempre que sexa posible.