
Esta mañá o Alcalde Luis Piña informou que na tarde de onte estaba previsto desenvolverse unha reunión organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural "Terra e Auga", para informar da inminente publicación das axudas LEADER baixo o lema "Se tes un proxecto «En Mente», ACHEGATE!".
Debido á crise eléctrica producida este luns 28 de abril, as necesidades derivadas desta emerxencia non fixeron posible que a reunión se celebrara con normalidade.
Por todo isto o Alcalde informa da inminente publicación destas axudas, que poderán solicitar calquera veciño ou entidades públicas ou privadas que desenvolven a súa actividade na nosa área territorial, dentro do ámbito económico, social, cultural, veciñal, medioambiental, profesional, comunidades de montes, etc.
A partires do día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia da apertura da convocatoria, os interesados terán o prazo dun mes para poder presentar os proxectos a través dos Grupos de Desenvolvemento Rural da contorna, no noso caso dende o GDR "Terra e Auga".
Por este motivo, dende o Concello, o Alcalde empraza a todas as persoas que desexen informarse sobre o tema, ou teñan un proxecto en mente, que se dirixan ao GDR, acudindo ás oficinas sitas no Edificio Multiusos da Cañiza ( 3º andar da rúa Progreso, nº 21 ).
