O Concello e o Clube Balonmán Cañiza asinan o seu 1º Convenio de Colaboración

Para financiar ao CBC nesta anualidade por un importe de 20.000€, distribuidos en 12 cuotas de 1.666,67€ mensuais.

  • NUN ACTO ENTRAÑABLE CELEBRADO ONTE ÁS 19H NO SALÓN DE PLENOS NO QUE O ALCALDE LUIS PIÑA E O PRESIDENTE DO CLUBE RUBEN FERNÁNDEZ RUBRICARON ESTA COLABORACIÓN.
  • A SINATURA DESTE CONVENIO DARÁ UNHA IMPORTANTE ESTABILIDADE AO BALONMÁN CAÑIZA QUE RECIBIRÁ DO CONCELLO UNHA CANTIDADE FIXA DE 1.666,66€ AO MES,
  • TRÁTASE DUNHA COLABORACIÓN MUTUA PARA O DESENVOLVEMENTO E PROMOCIÓN DO BALONMÁN NA CAÑIZA, ASÍ COMO O MANTEMENTO DAS INSTALACIÓNS UTILIZADAS NAS ACTIVIDADES DEPORTIVAS.

Onte o Salón de Plenos acolleu a sinatura do primeiro convenio de colaboración suscrito entre o Concello da Cañiza e o Clube de Balonmán Cañiza para financiar os gastos inherentes ao funcionamento do clube durante esta tempada por un total de 20.000€ que serán abonados en pagos mesuais de 1.666,66€uros.

Ademáis o CBC terá dereito á utilización das instalacións para os fins e usos descritos no Convenio. Percibir dos usuarios o importe do custo das entradas e cotas polo acceso de espectadores ás competicións oficiais dos seus equipos e pola constitución de escolas deportivas e equipos de competición e solicitar unha revisión do convenio en caso de ascenso dos seus primeiros equipos á categoría superior, entre outros beneficios.

Neste acto no que tamén participaron alumnos e xogadores, cadro técnico, xunta directiva  e socios do clube, o Presidente Rubén Fernández Reinaldo agradeceu nunha emotiva intervención a colaboración do Concello co Clube nos últimos 11 anos. Unha colaboración que este ano por primeira vez se ratifica formalmente nun convenio dotado con 5.000€uros máis e que lle dará máis estabilidade ao Clube. En agradecemento o Presidente fixo entrega ao Alcalde dun agallaso fabricado en pedra da cañiza e que simboliza o escudo do CBC.

Pola súa banda o Alcalde Luis Piña, despois de agradecer a todos a presenza neste acto institucional, felicitou a esta grande familia deportiva polo seu traballo incansable desenvolvido durante máis dunha década en prol da educación deportiva dos nenos e nenas e mozos e mozas da Cañiza, pola importante labor social que tamén caracteriza a este clube e por suposto polos importantísimos éxitos deportivos acadados polos equipos a nivel rexional e nacional. Un mérito inesquecible.

Luis Piña ratificou o compromiso que dende o primeiro día da súa gobernanza adquiriu co deporte, cos clubes e equipos deportivos da Cañiza e por suposto co Balonmán Cañiza.

 A este respecto recordou o esforzo inversor que o Concello fixo no pavillón deportivo “Carballo do Marco”, centro base de adestramento e de competicións do clube, para mellorar esta instalación investindo neste mandato 180.054,60€ en reformas e equipacións .

50.000€ destinados a mellora da Cuberta e eliminación de humidades. 46.054,60€ para a reforma integra dun ala dos vestiarios e aseos e 25.000€ para a adquisición do videomarcador.  A esta cantidade se suman outros 60.000€ destinados á reforma doutra ala dos vestiarios que xa están concedidos polo Plan Concellos da Deputación e cuxa obra comezará nesta anualidade.  Tamén neste mandato se consegiu poñer en funcionamento o sistema calefactor do Pavillón.

 

O CLUBE DE BALONMÁN COLABORARÁ CO CONCELLO NO DESENVOLVEMENTO DE ACTOS DEPORTIVOS E IMPLICÁNDOSE NAS CAMPAÑAS DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE E ERRADICACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO

Coa sinatura deste convenio o Clube comprometese ademáis a difundir información sobre o balonmán en centros educativos e colectivos interesados, acordándose co concello o número de visitas mínimas a realizar.

Desenvolver unha labor social a través da conexión directa cos servizo de asistencia social do concello, a reserva dun número de prazas no Campus Plurilingüe do CB Cañiza e nas Escolas Deportivas para as familias en perigo de exclusión social.

Colaborar co Concello nos eventos organizados polo ente municipal e nas campañas de promoción da igualdade entre mulleres e homes, en favor da aplicación das medidas para a erradicación da violencia de xénero.