O Concello desenvolveu este luns unha nova actividade do Programa CLARA para romper o silencio sobre a violencia contra as mulleres

  • O encontro incluíu a presentación do libro “A forza dunha alma rota”, de Judit Baltasar, no que a autora comparte en primeira persoa a súa experiencia como vítima de violencia de xénero.


  • A sesión serviu tamén para abrir un espazo de diálogo e reflexión co público arredor desta realidade.


 

O Salón de Plenos do Concello acolleu onte esta nova proposta, incluída na III edición do Programa CLARA, nun encontro aberto ao público que se desenvolveu baixo o título “Voces que rompen o silencio da violencia contra as mulleres”.

A actividade contou coa presenza do Alcalde, que foi o encargado de dar a benvida ás persoas asistentes e agradecer especialmente a Judit Baltasar por contar con A Caniza para compartir unha experiencia tan persoal. Luis Piña estivo acompañado polos concelleiros Mª José Rodríguez e Miguel Anxo Gómez.

Tamén participaron no encontro o Alcalde de Covelo, Pablo Castillo, e Concelleiras do seu equipo de goberno. Os dous concellos desenvolven conxuntamente, por 3º ano consecutivo, o Programa CLARA, unha iniciativa dirixida ás mulleres e nenas da Caniza e Covelo e ás persoas ao seu cargo.

O acto contou así mesmo coa presenza de María Jesús Boo, da empresa Talento, responsable do desenvolvemento do programa.

Tras a benvida, o Alcalde Luis Piña explicou os obxectivos do Programa CLARA así como as actividades que se veñen desenvolvendo nesta nova edición e as canles que poden utilizar as mulleres para ampliar información e contactar co servizo de atención xurídica e psicolóxica ( teléfonos e WhatsApp 606 118 853 / 687 227 495).

O Alcalde cedeu a palabra a Judit Baltasar, que presentou o seu libro A forza dunha alma rota e compartiu co público a súa experiencia persoal. A continuación, respondeu primeiro ás preguntas formuladas polo Alcalde e, posteriormente, ás do público, dando paso a unha charla-coloquio aberta sobre o proceso de recuperación, a importancia de pedir axuda e o valor de romper o silencio.

A obra recolle o percorrido vital dunha muller cuxa infancia e adolescencia estiveron marcadas polo abandono emocional, a violencia e as feridas invisibles, pero tamén pola amizade, os pequenos refuxios e a capacidade de reconstruírse e recuperar a liberdade.

A sinopse do libro define o relato como unha viaxe emocional na que cada caída deixa unha cicatriz e cada cicatriz conta unha historia, formulando a supervivencia como un acto de valentía e a posibilidade de volver escoller a propia vida.

Durante o encontro púxose o foco na importancia de romper o silencio, xa que moitas situacións de violencia permanecen ocultas polo medo, a dependencia, a culpa ou o illamento.

Tamén se abordou que a violencia non sempre deixa marcas visibles e pode manifestarse a través do maltrato psicolóxico, a perda progresiva de autoestima, o illamento ou a perda de autonomía e identidade.

Neste sentido, unha das principais mensaxes trasladadas durante a actividade foi a importancia de pedir axuda e contar co apoio de familiares, amizades e profesionais especializados.

O Alcalde pechou o acto agradecendo a asistencia do público, así como a presenza do Alcalde de Covelo, Pablo Castillo, e das concelleiras do seu equipo de goberno. Tamén agradeceu a María Jesús Boo a organización desta actividade e, especialmente, a Judit Baltasar o traballo que está desenvolvendo para dar visibilidade á súa historia persoal e contribuír á sensibilización fronte á violencia contra as mulleres.

 

Gymkana Tecno para achegar a infancia á tecnoloxía dende a igualdade