O Concello da Caniza xestionará a partir do luns 11 de maio os contratos de limpeza de biomasa

O Alcalde Luis Piña anunciou esta mañá a posta en marcha do servizo de formalización de contratos para a xestión da biomasa, no marco do convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a empresa pública Seaga para o período 2026-2029, ao que se adheriu o Concello o pasado 3 de marzo.

O servizo entrará en funcionamento o luns 11 de maio, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, cunha pausa de media hora. Estará situado nas oficinas da Policía Local (planta baixa da Casa do Concello, rúa Oriente nº 11) e será atendido por dous traballadores.

Para recibir atención ao público será necesario solicitar cita previa, que poderá pedirse a partir de mañá, xoves 7 de maio, chamando ao teléfono 986 651 000 ou de maneira presencial nas oficinas xerais.

Este servizo permitirá ao Concello asumir a xestión dos contratos de limpeza de biomasa nas faixas secundarias, é dicir, nas zonas máis próximas a vivendas, infraestruturas e núcleos de poboación, consideradas clave na prevención de incendios forestais.

A través deste modelo, o Concello asumirá funcións como a identificación de parcelas, a tramitación de expedientes e a xestión dos contratos coas persoas propietarias, contando co apoio técnico, económico e operativo da Xunta de Galicia, así como coa intervención directa de Seaga na execución dos traballos.

A partir do 11 de maio, os veciños poderán solicitar a formalización dos contratos de xestión da biomasa das súas parcelas, a través dos cales será Seaga a encargada da limpeza e mantemento das faixas, garantindo así o cumprimento das obrigas legais.

Mediante estes contratos, as persoas titulares das parcelas delegan na Administración a xestión da biomasa, evitando posibles sancións e garantindo que os terreos cumpran coas condicións de seguridade establecidas pola normativa vixente.

O convenio introduce un reforzo do papel municipal, facilitando ferramentas para actuar con maior axilidade en caso de incumprimento das obrigas por parte das persoas propietarias. Nestes supostos, poderase recorrer á execución subsidiaria dos traballos, repercutindo posteriormente os custos correspondentes.

Ademais, o sistema prevé actuacións prioritarias nas zonas de maior risco, onde se intensificarán os labores de limpeza e prevención.

Este novo convenio responde ao incremento do risco de incendios derivado do cambio climático e dos grandes lumes rexistrados nos últimos anos, reforzando a colaboración entre administracións para protexer a poboación e o territorio.