O Concello da Cañiza repartiu este domingo máis de 400 bocadillos de xamón entre os ciclistas participantes na VII edición «Clásica Alvaro Pino 2022»

UNHA PROBA CICLOTURISTA DE 110 KM, CON PERCORRIDO POLAS TERRAS DO CONDADO PARADANTA E COA PRIMEIRA PARADA  DE  AVITUALLAMENTO E REAGRUPAMENTO NA PRAZA MAIOR DA CAÑIZA.

O ALCALDE FELICITOU UN ANO MAIS Á ORGANIZACIÓN, ASOCIACIÓN DEPORTIVA CULTURAL PLAN   C, E Ao EX CORREDOR   ALVARO PINO POLO ROTUNDO ÉXITO DESTA NOVA EDICIÓN.

 Este domingo 22 de maio, celebrouse a 7ª edición desta marcha  ciclodeportiva, de carácter non competitivo, organizada pola Asociación Deportiva Cultural Plan  C, cun trazado de 110 km, dos cales 30 desenvolvéronse polas estradas do noso Municipio.

Un gran fondo cicloturista que percorreu as terras de 7 concellos (Ponteareas, Mondariz Balneario, Mondariz, Covelo, Cañiza, As Neves e Salvaterra), con tramos de 2.000 metros de desnivel acumulado.

O percorrido polo noso Municipio empezou subindo ao Alto  de  Moncelos (Petán), un dos 3 altos de montaña da Marcha con máis altitude (806  m).

Sobre as 11:30  h a marcha fixo a primeira parada na Praza Maior da Cañiza para o  avituallamento. Durante máis de media hora concelleiros e traballadores do Concello xunto coa organización da proba, repartiron máis de 400 bocadillos do mellor xamón da Cañiza entre todos os ciclistas. Esta parada serviu tamén para que os deportistas puidesen  reagruparse e evitar así a dispersión.

O roteiro continuou  cara á parroquia das  Achas, Parada e   Luneda (onde estaba marcado o segundo alto de montaña con 777 metros de altitude) e  finalmente pasaron pola Franqueira para continuar a marcha  cara á Meta de Ponteareas.

 Como xa declarou o Alcalde  Luís Piña na presentación da edición deste ano,  «o Concello volveu colaborar coa «Clásica» repartindo  bocadillos do mellor xamón da Cañiza, en agradecemento aos organizadores por elixir o noso Concello para formar parte do trazado desta competición que xa é un referente no ciclismo autonómico»

O Alcalde aproveitou tamén a ocasión para agradecer a colaboración dos  xamoneiros da Cañiza que  doaron gratuitamente todo o xamón para esta proba. Xamonerías “Os  do  Resero”, “  Piri-  Piri”, “ Kenia”, “Paradanta” e “Área de Servizo  Repsol da Cañiza”.