O Concello da Caniza recibe a Mateus de Almeida Pedro para trasladarlle o seu apoio e o rexeitamento fronte ao racismo
O Alcalde da Caniza, Luis Piña, acompañado pola Primeira Tenente de Alcalde, Mª José Rodríguez, recibiu onte no Salón Nobre de Sesións Plenarias da Casa Consistorial a Mateus de Almeida Pedro, xogador do Club Balonmán Cañiza, para trasladarlle persoal e institucionalmente o apoio do Concello tras os feitos acontecidos durante o encontro disputado o pasado sábado 26 de setembro en Gáldar, Gran Canaria.
O partido enfrontou ao MMT Fest Gáldar Gran Canaria e ao Saeplast Cañiza no Pavillón Juan Vega Mateos, de Gáldar, nun encontro correspondente á competición de Primeira Nacional. O partido tivo que ser interrompido durante o segundo tempo e posteriormente disputouse a porta pechada despois de que, segundo consta na acta arbitral, desde a bancada se dirixisen insultos de carácter racista contra Mateus de Almeida Pedro.
Na recepción desde xoves, o xogador estivo acompañado polo seu adestrador, Domingo Borja “Mino”, responsable do equipo Sénior Masculino do Club Balonmán Cañiza.
Durante o encontro, Luis Piña interesouse polo estado de Mateus e trasladoulle o apoio e o agarimo da Caniza, facendo extensivo este respaldo aos seus compañeiros e ao conxunto do club.
O Alcalde expresou tamén o rexeitamento firme de calquera comportamento racista ou discriminatorio, dentro e fóra do deporte, e destacou que o respecto á dignidade das persoas debe estar sempre por riba de calquera rivalidade ou resultado deportivo:
«Mateus, queremos que saibas que non estás só. A Caniza está ao teu lado e ao lado do Club Balonmán Cañiza. No deporte e na sociedade non hai lugar para o racismo.»
Desde o Concello da Caniza trasladamos igualmente o noso apoio ao Club Balonmán Cañiza e confiamos en que os organismos competentes esclarezan os feitos e adopten as medidas que correspondan.
O deporte debe ser sempre un espazo de respecto, convivencia e igualdade!.