Así o anunciou o Alcalde Luis Piña, quen tamén participou nesta actividade desenvolvida no marco do Proxecto para o impulso da compostaxe, cun investimento de 16.734,91 €, financiada cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia de 12.447,45 €, ao abeiro das axudas da Liña 2 de proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria, cofinanciadas pola Unión Europea – NextGenerationEU. O Concello asume con cargo aos recursos propios o 10% restante, así como o importe correspondente ao Ive, un total de 4.287,46€.
Durante a xornada, a carpa informativa instalada na rúa Oriente, ao carón da Casa Consistorial, ofreceu asesoramento personalizado sobre o uso dos composteiros, a separación en orixe dos biorresiduos e os beneficios ambientais dunha xestión sostible dos residuos orgánicos. Técnicos medioambientais da empresa adxudicataria desta actuación, ANCARIA, S.L., proporcionaron explicacións prácticas, resolveron dúbidas e facilitaron material divulgativo específico sobre compostaxe, elaborado expresamente para o proxecto.
Segundo comunicou o Alcalde, esta acción forma parte dun proxecto municipal que permitirá incorporar 125 fogares ao programa de compostaxe doméstica, ao tempo que se realiza o seguimento técnico doutros 42 composteiros instalados en campañas anteriores. En total, son xa 167 unidades activas no municipio, representando máis de 260 veciños e veciñas participantes nestas prácticas sostibles.
Cada persoa beneficiaria recibiu un composteiro de 400 litros, fabricado en material reciclado e reciclable, xunto cun aireador, unha guía de compostaxe e indicacións para a montaxe e o correcto mantemento do proceso.
As estimacións técnicas incluídas na memoria do proxecto reflicten que a posta en marcha desta iniciativa permitirá evitar que unhas 19,83 toneladas de materia orgánica cheguen ao vertedoiro cada ano, transformándose en arredor de 5 a 6 toneladas de compost de alta calidade, apto para o uso en hortas e xardíns particulares.
Ademais, calcúlase que a compostaxe doméstica evitará a emisión duns 6.000 kg de CO₂ equivalente anuais, contribuíndo así á loita contra o cambio climático mediante a redución das emisións asociadas ao transporte e ao tratamento convencional dos residuos orgánicos.
O Alcalde Luis Piña destacou durante a súa visita á carpa informativa que “A Cañiza continúa dando pasos firmes cara a un modelo de xestión de residuos máis sostible, eficiente e respectuoso co medio”. Subliñou tamén que a acollida da campaña mostra “o compromiso crecente dos veciños coa reciclaxe en orixe e coa protección do noso entorno”.
O proxecto incluíu accións de difusión, formación, entrega de materiais, asesoramento técnico continuo e visitas de control para garantir o correcto funcionamento dos composteiros e a implicación activa da veciñanza.
A iniciativa enmárcase na liña de actuacións obrigadas pola Lei 6/2021 de residuos e solos contaminados e polas directrices europeas en materia de economía circular.