O Alcalde Luis Piña informou esta mañá da sinatura dun Convenio entre o Concello e Red Eléctrica de España S.A.U., orientado a impulsar a eficiencia enerxética nas instalacións deportivas municipais, neste caso no C.F. Augas Férreas, mediante a substitución da actual caldeira de gas —situada nos vestiarios baixo as gradas— por un sistema de aerotermia de maior rendemento e menor impacto ambiental.
Ao abeiro deste convenio, Red Eléctrica realiza unha achega económica de 6.000 €, destinada a financiar o investimento da actuación, que ascende a 9.111,30 €. O Concello asumirá, con cargo aos seus fondos, os restantes 3.111,30 €.
O proxecto consiste na instalación dunha bomba de calor para a produción de auga quente sanitaria (ACS) no campo de fútbol, substituíndo o actual sistema de caldeiras de gas situado nos vestiarios baixo as gradas. Inclúe dous aerotermos de 500 litros, cunha potencia de 0,7 kW, a instalación de liñas de alimentación eléctrica, cadros de protección e diferenciais, adaptacións de fontanería, integración co sistema existente e os traballos de instalación e posta en marcha.
Segundo explicou o Alcalde, este sistema permitirá “reducir consumos enerxéticos, aumentar a eficiencia das instalacións e diminuír as emisións contaminantes”.
O convenio recolle tamén o compromiso de Red Eléctrica de executar os traballos vinculados á súa Rede de Transporte dentro do termo municipal co máximo respecto polo medio natural, así como a reparación de camiños e elementos municipais afectados polas obras cando sexa necesario.
O Alcalde lembrou tamén que Red Eléctrica vén mantendo unha liña de colaboración continuada co municipio, como amosou coa súa achega á reforma das pistas de tenis municipais. Esta actuación, cun investimento total de 147.682,08 €, contou cunha subvención da empresa de 51.085,00 € e permitiu dotar as pistas dun pavimento renovado, nova iluminación LED e melloras estruturais que incrementaron a seguridade e o confort dos usuarios.
O Concello investiu 612.863,91 € en melloras no campo de fútbol das Augas Férreas nos dous últimos anos
En relación ao campo de fútbol das Augas Férreas, o Alcalde destacou o importante esforzo realizado polo Concello nos últimos anos para garantir unhas instalacións modernas e de calidade.
Recordou que en maio de 2024 se acometeu unha reforma integral do campo, cun investimento de 602.421,61 €, financiado pola Deputación de Pontevedra. A actuación incluíu:
- substitución dos 6.786 m² de céspede sintético,
- instalación de catro torretas de iluminación de 18 m,
- melloras no sistema de rego,
- impermeabilización e modernización dos vestiarios —con nova caldeira de biomasa—,
- creación dunha zona de adestramento adicional,
- habilitación dun novo acceso.
Ademais, neste ano executáronse traballos de mantemento especializado do céspede artificial —descompactado, cepillado e limpeza— cun orzamento de 1.331 €, complementados coa incorporación do innovador sistema TurfRob, “un robot pioneiro que permite un mantemento máis preciso, sostible e seguro do terreo de xogo”.
O Alcalde concluíu que este novo convenio con Red Eléctrica “permite seguir avanzando cara a unhas instalacións deportivas máis sostibles e eficientes, reforzando a colaboración institucional e ofrecendo mellores servizos á nosa veciñanza”.


