O Concello da Caniza e o Club Balonmán Caniza asinan unha nova colaboración

  • Un convenio que achega ao club unha liquidez de 8.000 euros para a organización da fase de ascenso á División de Honra Ouro feminina que se disputará esta fin de semana no Municipio.
  • O Alcalde Luis Piña informou tras a sinatura que esta achega municipal se pagará de maneira inmediata, co obxectivo de dotar ao club de liquidez para afrontar os gastos de organización.
  • O Concello tamén asumirá outros 2.000 euros en gastos destinados a reparacións e melloras estéticas no Pavillón Municipal Carballo do Marco, no que se celebrará a competición, para adecualo a un evento de carácter nacional.
  • Unha fase de ascenso que segundo a memoria económica presentada polo Club, supera os 30.500,00 euros en gastos de organización, dos cales 22.000,00 euros están destinados á obtención da licenza da Federación Española de Balonmán, necesaria para poder disputar esta Fase.
  • Ademáis dos 8.000 euros de subvención municipal, o club conta tamén cunha axuda de 8.000 euros da Xunta de Galicia e outros 8.000 euros da Deputación de Pontevedra.

O Salón de Plenos acolleu esta tarde a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e o Club Balonmán Caniza para a organización da fase de ascenso á División de Honra Ouro feminina, que se celebrará na vila entre os días 8 e 10 de maio.

O acordo foi formalizado polo Alcalde Luis Piña e polo presidente do club, Marcos Estévez, coa presenza das Tenentes de Alcalde María José Rodríguez e Paula Bacelar e os directivos do CBC Mercedes Lorenzo e Marcos Carrera. Este convenio ven a consolidar o compromiso do Concello coa promoción do deporte local e co apoio a un evento de relevancia estatal.

No marco desta competición, A Caniza converterase no epicentro do balonmán feminino estatal do 8 ao 10 de maio, acollendo no pavillón municipal a catro equipos de diferentes puntos do país: BM Marni Rosval (Valencia), Lauko Ermuko Errotabarri (Ermua), Helvetia Montequinto (Sevilla) e o Club Balonmán Caniza, que exercerá como anfitrión. A fase disputarase en formato de liga a unha soa volta, proclamándose campión o equipo que remate na primeira posición.

Dende o Concello salientouse o esforzo conxunto das administracións públicas, xa que o Concello da Caniza, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra achegan financiamento para a obtención da licenza da Federación Española de Balonmán, imprescindible para a organización do evento e para cubrir, entre outros, os custos de arbitraxe.

Pola súa banda, o club deberá completar o financiamento necesario para afrontar o resto dos custos organizativos.

Ademais, o Concello destinará unha achega adicional de 2.000 euros para a posta a punto do pavillón municipal, mediante actuacións de carpintería, fontanería e melloras estéticas, garantindo así que as instalacións estean á altura dunha competición desta categoría.

Luis Piña volveu a destacar o impacto positivo que terá esta cita para o municipio, sinalando que “esta fase supón unha repercusión e un retorno económico moi importante para A Caniza, que durante varios días se converterá na sede do balonmán feminino a nivel estatal”. Neste sentido, puxo en valor o efecto dinamizador que terá na hostalaría, no comercio local e na proxección exterior do municipio .