O Concello e a Escola Familiar Agraria (EFAG) A Cancela, de As Neves, formalizaron un novo convenio de colaboración para o desenvolvemento da formación práctica do alumnado en instalacións municipais.
O documento foi asinado inicialmente o pasado 13 de maio pola directora da EFAG A Cancela, Lara María Fernández González. Posteriormente, o 19 de maio, o Alcalde Luis Piña, procedeu á sinatura oficial do convenio no Salón de Plenos do Concello, nun acto no que tamén estivo presente Ana Rosa, en representación do centro educativo.
Ao abeiro deste acordo, dúas alumnas do ciclo de Educación Infantil están a realizar as súas prácticas formativas na Escola Infantil Municipal da Caniza. O período de formación desenvólvese entre o 25 de maio e o 5 de xuño de 2026, cunha duración total de 50 horas.
Esta colaboración permite ao alumnado completar a súa preparación académica nun entorno profesional real, adquirindo experiencia práctica e coñecementos fundamentais para a súa futura incorporación ao mercado laboral.
Desde ambas entidades destacouse a importancia de continuar impulsando iniciativas de colaboración entre os centros educativos e as administracións públicas, promovendo unha formación de calidade, práctica e adaptada ás necesidades actuais.
O convenio enmárcase dentro da normativa de Formación Profesional e terá vixencia durante o curso académico 2025/2026.