O Concello da Cañiza e a Deputación de Pontevedra renden homenaxe á arquitecta pioneira Rita Fernández Queimadelos

O Salón de Plenos acolleu este luns un acto dedicado á figura de Rita Fernández Queimadelos, arquitecta nacida na localidade e considerada unha das grandes pioneiras da arquitectura en España, así como a primeira muller en asinar proxectos arquitectónicos no país.

A actividade, celebrada ás 19:30 horas, enmárcase no programa “Aquí Faltan Páxinas. Mulleres extraordinarias”, impulsado pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello da Cañiza, co obxectivo de visibilizar o legado de mulleres fundamentais na historia e na construción da memoria colectiva.

O acto deu comezo coa benvida institucional do Alcalde, Luis Piña, quen saudou ás persoas asistentes e agradeceu á Deputación de Pontevedra a posta en marcha deste tipo de iniciativas.

A continuación, a Deputada provincial de Igualdade e Benestar Social, Paula Bouzós, interveu no acto destacando que Fernández Queimadelos “foi a primeira galega titulada en Arquitectura, exerceu a profesión durante 3 décadas e deixou como legado un exemplo de constancia e talento, converténdose en referente para que outras mulleres avanzasen nunha profesión tradicionalmente masculina”.

Tras a súa intervención, tomou de novo a palabra o Alcalde, quen puxo en valor a figura de Rita Fernández Queimadelos como parte esencial da historia e da identidade da Cañiza, salientando o seu papel como muller pioneira que, nun contexto especialmente complexo, foi quen de abrir camiño nun ámbito tradicionalmente masculinizado. Neste sentido, destacou que máis alá dos datos históricos, a súa traxectoria representa a capacidade de romper barreiras, a valentía de cuestionar os límites establecidos e a demostración de que o talento non entende de xénero.

O rexedor tamén fixo fincapé na importancia de construír referentes femininos visibles, sinalando que “as sociedades tamén se constrúen desde aquilo que deciden lembrar e desde a quen deciden facer visible”, e subliñou a necesidade de trasladar ás novas xeracións unha mensaxe de igualdade e oportunidade. Así mesmo, enmarcou este acto como un exercicio de memoria, recoñecemento e xustiza, destacando o valor de iniciativas como “Aquí Faltan Páxinas” para recuperar o papel de mulleres que historicamente non ocuparon o lugar que lles correspondía.

Tras a apertura institucional, a sesión continuou co bloque central do faladoiro, protagonizado pola arquitecta, doutora e divulgadora María Carreiro, quen afondou na figura de Rita Fernández Queimadelos, e pola xornalista Marian Fernández, de O Cable Inglés.

Durante as intervencións abordouse a traxectoria da arquitecta cañicense, quen, malia a oposición inicial do seu contorno familiar, conseguiu estudar arquitectura en Madrid co apoio das súas avoas, formando parte da primeira xeración de arquitectas españolas.

En 1940 converteuse na primeira galega titulada nesta disciplina e na primeira muller en España en asinar oficialmente os seus propios proxectos arquitectónicos.

Ao longo dunha carreira de 30 anos desenvolveu proxectos no ámbito da arquitectura civil, a rehabilitación e a vivenda social, contribuíndo a abrir camiño para a incorporación das mulleres a unha profesión historicamente masculinizada.

Este faladoiro serviu tamén para reflexionar sobre a necesidade de seguir incorporando referentes femininos aos relatos históricos e profesionais, reforzando o papel de programas como “Aquí Faltan Páxinas”, que na súa terceira edición continúa percorrendo a provincia durante 2026 para poñer en valor a mulleres destacadas de distintos ámbitos.

O acto concluíu cunha intervención final do Alcalde, quen agradeceu a asistencia do público e a implicación da Deputación de Pontevedra na organización deste programa.

Unha Praza na Cañiza adicada á 1ª muller arquitecta

O recoñecemento á súa figura foi medrando nos últimos anos. En marzo de 2025, o Concello da Cañiza, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), promoveu unha homenaxe institucional na que se descubriu a placa da “Praza Arquitecta Rita Queimadelos”, situada na actual Praza do Mercado. O acto contou coa presenza dos seus familiares, o decano do COAG, Luciano Alfaya, representantes do colexio profesional e autoridades locais, consolidando así o seu legado no espazo público e na memoria colectiva da vila.

Este recoñecemento simboliza non só a traxectoria profesional dunha pioneira, senón tamén o compromiso da sociedade coa visibilización das mulleres que contribuíron ao desenvolvemento social e cultural desde ámbitos historicamente invisibilizado.

A decisión de dedicar esta Plaza, “non foi só un xesto simbólico. Foi unha decisión consciente: situar a Rita no espazo público, incorporala ao día a día da veciñanza como referente e como inspiración”, afirmou o Alcalde.

 

Deputación Pontevedra