O Concello da Cañiza continúa cos trámites para construir un aparcamento na zona do Regueiro

Así o anunciou o Alcalde Luis Piña tras a celebración da Xunta de Goberno, este 1 de agosto, na que se aprobou inicialmente o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, PEID, para a construción dun aparcadoiro.

O pasado 11 de decembro de 2022 o Alcalde Luis Piña avanzaba que se iniciaba o proxecto de expropiación e recuperación paisaxística dun novo estacionamento no lugar denominado «Chan de Lourido», unha zona arborada de máis de 9.000 m2 situada no lugar do Regueiro, na subida que conduce á Casa de Cultura.

Unha actuación que nace para dar resposta ás necesidades da veciñanza e dos visitantes de dotar ao núcleo urbano dun espazo máis amplo para aparcamento, sen comprometer outras actuacións de desenvolvemento urbanístico como será a urbanización e humanización da Rúa do Regueiro.

 

Avance do Expediente

Dende o ano 2022 o Concello leva traballando para realizar a expropiación destes terreos.

Unha expropiación que require previamente a aprobación dun plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) que modifique o Plan Xeral de ordenación Municipal (PXOM) aprobado o 27/06/2003, que recolle estes terreos como “solo urbanizable non delimitado”.  Un PEID que estase tramitando seguindo os pasos que recolle a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

  • Nesta liña e despois de terse presentado por parte do arquitecto Oscar López Alba e do enxeñeiro Iván López Fernández o PEID, a Secretaria Xeral do Concello emite o 16.01.2023 o informe de Secretaría sobre o procedemento administrativo a seguir neste caso, seguido do informe do arquitécto técnico municipal de data 23.02.2023.
  • O Concello envía o 13.04.2023 o PEID ao Servizo de Avaliación Ambiental de Plans e Programas dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para solicitar a autorización ambiental necesaria para que o Concello poida continuar co expediente.
  • Nesta mesma data tamén se solicitan ás empresas subministradoras e distribuidoras sobre a suficiencia das infraestruturas e dos servizos existentes e previstos. Informes que pasarán a formar parte do expediente. Neste caso Orange España Comunicaciones Fijas SL e Telefónica de España S.A.
  • Despois de varios requerimentos e emendas, o 20.02.2024 o Concello recibe o informe ambiental estratéxico IAE Farovable do PEID por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta, que é o documento que marca o posta en marcha de todo o expediente de modificación dos terreos e posterior expropiación.
  • O pasado 01.07.2024 o Arquitecto Técnico Municipal tamén emite Informe favorable sobre o mesmo, no que se conclúe que o PEID presenta unha ordenación proxectada con calidade técnica suficiente e que está conforme á lexislación urbanística vixente no Concello da Cañiza.
  • Por todo o anterior, proponse á XUNTA DE GOBERNO LOCAL, a adopción do acordo de aprobar inicialmente o PEID para a construcción do aparcadoiro.

 

Tamén se aproba abrir un período de información pública como mínimo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun dos periódicos de maior difusión na provincia para que todos os titulares afectados poidan presentar alegacións, ademáis de terse que notificar  individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos.

Nesta Xunta de Goberno tamén se abriu un prazo para recabar das administracións públicas competentes os informes sectoriais e consultas que resulten necesarios.

O proxecto contempla a recuperación paisaxística destes terreos entre vexetación autóctona.

En paralelo a isto, o Concello encargou a redacción do proxecto para o novo aparcamento, que se levará a cabo no momento no que se culmine a expropiación e se obteñan os fondos necesarios. 

Este proxecto contempla crear unha zona de aparcamento entre vexetación autóctona, articulada en 4 plataformas que discorren na parcela salvando os desniveis, coa circulación dos vehículos e dos peons entre as zonas verdes.

Contará con accesos dende as rúas Álvaro Cunqueiro e rúa Regueiro, con 160 prazas integradas nun espazo natural no que se estima a plantación de 200 árbores autóctonas e outro aspecto tamén importante é que todo o conxunto de superficies será drenante, de fácil mantemento e durabilidade.