O Concello da Caniza asina a adhesión ao Programa Galego de Vixilancia e Control fronte á Vespa Asiática en 2026

  • O convenio, impulsado pola Xunta de Galicia e a FEGAMP, coordina a retirada e neutralización de niños de Vespa velutina nos 313 concellos galegos.
  • Os avisos continuarán realizándose a través do teléfono 012, cun prazo máximo de actuación de 5 días hábiles.
  • O Concello da Caniza participa neste programa de maneira ininterrompida desde o ano 2021.

O AlcaldeLuis Piña, asinou o pasado 8 de maio a adhesión do Concello ao convenio do Programa Galego de Vixilancia e Control fronte á Vespa Asiática (Vespa velutina), unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para reforzar a coordinación na loita contra esta especie invasora.

O programa, no que participan os 313 concellos galegos, ten como principal obxectivo actuar de maneira rápida e coordinada na detección, retirada e neutralización dos niños de avespa asiática, minimizando así o seu impacto sobre a produción apícola, a biodiversidade e a seguridade cidadá.

Os avisos continuarán realizándose a través do teléfono 012, desde onde se coordinarán as actuacións nos municipios adheridos. O convenio establece ademais un prazo máximo de resolución de 5 días hábiles para a eliminación ou neutralización dos niños activos, salvo en situacións excepcionais que dificulten a intervención.

A Xunta de Galicia e a FEGAMP renovaron este acordo de colaboración o pasado 27 de abril de 2026 para garantir a continuidade do servizo durante este ano. Posteriormente, o Concello da Caniza formalizou a súa adhesión mediante a sinatura do protocolo correspondente.

O Programa Galego de Vixilancia e Control fronte á Vespa Asiática púxose en marcha no ano 2014 coa finalidade de reducir a incidencia desta especie invasora en Galicia. Desde o ano 2020, a coordinación das actuacións de retirada dos niños realízase de forma centralizada a través da empresa pública SEAGA, reforzando os recursos e a capacidade de resposta nos concellos participantes.

O Concello da Caniza incorporouse por primeira vez a este programa en abril de 2021 e continúa colaborando activamente nas tarefas de información, prevención e coordinación para combater a expansión da avespa asiática no municipio.