O Concello da Caniza aproba a adxudicación das obras de humanización da rúa Antonio Facorro

Segundo comunicou o Alcalde Luis Piña, a Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a adxudicación do contrato das obras de humanización da rúa Antonio Facorro, unha actuación estratéxica para a transformación urbana do centro da vila e a recuperación do espazo público para os veciños.

A empresa que resultou adxudicataria para executar os traballos é a mercantil NAROM S.L., tras obter a maior puntuación no procedemento aberto simplificado convocado polo Concello. No proceso de licitación tamén participaron outras 4 empresas das que 2 quedaron excluídas ao non presentar a documentación xustificativa requirida no trámite de baixa temeraria.

A oferta económica presentada pola empresa adxudicataria ascende a 1.318.237,37 euros, IVE incluído, cun prazo de execución reducido en oito semanas respecto ao inicialmente previsto nos pregos de contratación (11 meses).

O proxecto de humanización da rúa Antonio Facorro conta actualmente cun orzamento reformulado de 1.456.454,94 euros, financiado a través de distintas liñas de cooperación da Deputación de Pontevedra. En concreto, 700.000 euros proceden do Plan Extra 2024, 277.183,45 euros do Plan +Provincia 2025 e 479.271,49 euros da anualidade 2026 do Plan +Provincia 2026-2027. Neste proxecto o Concello non aportará ningunha cantidade con cargo aos fondos propios.

A intervención suporá unha profunda transformación dun dos principais eixos urbanos da Caniza, conectando a Praza Maior co Parque Central mediante unha plataforma máis accesible, moderna e pensada para as persoas. O proxecto contempla a renovación integral dos pavimentos, a mellora das redes soterradas de abastecemento, saneamento e pluviais, a instalación de iluminación LED, novo mobiliario urbano, zonas verdes e o soterramento do cableado aéreo.

A actuación abrangue unha superficie de máis de 4.100 metros cadrados e permitirá reducir o protagonismo do tráfico rodado, priorizando o tránsito peonil e a accesibilidade universal. Ademais, o Concello mantivo durante todo o proceso encontros con comerciantes e veciñanza para incorporar achegas e explicar os cambios previstos na mobilidade e no estacionamento da zona.

O 50% da actuación centrarase na renovación dos servizos soterrados, mellorando as redes de abastecemento, saneamento, pluviais e infraestruturas de comunicación, ao tempo que se crearán novos espazos verdes e zonas de estancia que contribuirán a revitalizar o centro urbano.

Luis Piña destacou que “este proxecto supón un antes e un despois para o centro urbano da Caniza, cunha actuación que mellorará a imaxe da vila, a seguridade viaria e a calidade de vida da veciñanza, apostando por un modelo urbano máis sostible e humano”.

A actuación enmárcase nos principios da Rede Ágora da Deputación de Pontevedra, iniciativa á que o Concello da Caniza está adherido desde o ano 2020 e que promove a recuperación do espazo público e unha mobilidade máis amable e sostible.

 

O Concello da Caniza aproba a contratación das obras de humanización da rúa Antonio Facorro

 

O Concello da Caniza aproba a contratación das obras de humanización da rúa Antonio Facorro