O Concello da Cañiza acolle este sábado 14 de outubro a presentación do proxecto «GALICIA PUERTA SUR -GPS»
- Nunha xornada de cohesión para a oferta comarcal de servizos turísticos á que están invitados os principais actores locais e emprendedores turísticos da comarca.
- O acto desenvolverase na aula CEMIT da Casa da Cultura e estará inaugurada polo Alcalde da Cañiza ás 10h da mañá.
- Despois da presentación e da constitución do inicio do grupo, abordarase o proxecto «GALICIA PUERTA SUR -GPS», nunha mesa de participación na que os asistentes poderán compartir experiencias e transmitir valoracións e opinións.
- A continuación e tras da rolda de contactos, asinarase un Modelo de Adhesión a este novo proxecto turístico e estableceranse futuras reunións.
Segundo adiantou o Alcalde Luis Piña esta mañá “este novo proxecto ten como obxectivo a adhesión de todas as iniciativas empresariais da Comarca para acadar un desenvolvemento turístico de calidade no noso territorio e nos concellos limítrofes”.
Luis Piña tamén avanzou que “neste novo mandato, como responsables directos e máis próximos, asumimos o reto de mellorar a calidade de Vida dos nosos veciños e a súa contorna e podemos comezar facendo transversal o traballo dos diferentes actores locais en prol da mellora turística, sector hostaleiro, servicios, economía de proximidade e artesáns locais, poñendo en marcha e desenvolvendo un traballo que permita o crecemento dunha nova xestión turística da nosa zona”.
Esta xuntanza de traballo ten tamén como finalidade que se poidan coñecer os emprendedores da comarca e falar das inquedanzas, problemáticas e retos de futuro de cada un.
Na xornada de mañá, o Alcalde proporá a creación da Asociación turística «Galicia Porta Sur», na que se poderán implementar os servizos de cada actor local e emprendedor, cos doutros empresarios comarcais cun obxectivo único: cohesionar, modernizar e promover con coordinación e calidade turística o noso territorio.
Coa creación deste clúster, tamén se pretende traballar para promover a desestacionalización do turismo, de xeito que no noso territorio se poidan aproveitar durante todo o ano os excelentes recursos endóxenos e o alto valor paisaxístico e turístico da Comarca. Un traballo que pretende que os resultados incidan no crecemento das nosas economías locais e polo tanto na mellora da calidade de vida veciñal.
Galería multimedia