O Alcalde visita as obras de renovación do alumeado público no casco urbano da Cañiza

Unha obra cunha inversión total de 969.089,00 €, incluída a execución e os proxectos.

  • A MODERNIZACIÓN DO ALUMEADO DO CONCELLO ABRANGUE TODO O TERMO MUNICIPAL. 
  • A INVERSIÓN DE 969.089,00 € ESTÁ FINANCIADA AO 100% POR FONDOS EUROPEOS DO MINISTERIO DE TRANSICIÓN ECOLÓXICA E POLO PLAN CONCELLOS 2021 DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA.

 

A modernización do alumeado público do Concello é un dos grandes retos que afrontou o Alcalde Luís Piña dende a súa toma de posesión en xuño de 2019. A rede  pública de alumeado estaba obsoleta, ocasionando un dos maiores gastos ao Concello. O reto de modernización supón unha das maiores inversións económicas do Concello.

Tras un largo proceso de traballo e diferentes estudos, buscouse a financiación para realizar a renovación integral de todo o alumeado público.

A obra de renovación do alumeado no casco urbano da Cañiza é un paso mais dentro deste proceso. Esta obra, polo seu tamaño, está dividida en 2 proxectos:

  • Proxecto de aforro e eficiencia enerxética nas rúas Álvaro Cunqueiro, Travesía da Feira, Rúa Augas Férreas e Mercado, parroquia de A Cañiza “Cañiza I” cun investimento de 491.623 €.
  • Proxecto de aforro e eficiencia enerxética na parroquia da Cañiza (Rúa Progreso, Rúa Botica e Leboriz), “Cañiza II” cun investimento de 477.466€.

 Inicialmente foron aprobadas  as adxudicacións no mes de outubro de 2021 , “Cañiza I”, e no mes de febreiro de 2022, “Cañiza II”,  pero debido aos graves problemas de tesourería tiveron que suspenderse as obras temporalmente. As obras financiadas polo Instituto para a Diversificación Enerxética (IDAE) teñen que pagarse primeiro e posteriormente o IDAE realiza o pago ao Concello. Cando se acrediten.

Unha vez se conseguiu dar unha solución a este problema (coa sinatura dunha operación de crédito bancaria que permitiu realizar estes pagos e que será amortizado no momento no que o IDAE execute o pago ao Concello) o 26-01-2023 levantouse a suspensión temporal dos contratos, iniciándose os traballos de renovación do alumeado.

Aforro de máis dun 50% de consumo eléctrico e maior luminosidade nas rúas

A actuación na parroquia da Cañiza supón o cambio de máis de 400 puntos de luz, substituíndoos por novas luminarias LED de última xeración. Substitúense as columnas con faroles fernandinos existentes por novas columnas INOX marca “cañiza”, creada exclusivamente para o noso Concello. Tamén se realiza a substitución dos contadores existentes a contadores de ultima xeración - coa instalación de 3 novos contadores onde non había-. Realizaranse ademais cambios de cableado.

O proxecto tamén contempla o cambio do tipo de facturación, xa que se eliminarán todos os puntos que ata agora se facturaban en alzado, cun alto consumo enerxético  e penalizacións nas facturas, colocando novos contadores. Actuación que se traducirá nun importante aforro de mais do 50 %.

Esta renovación integral sen precedentes, dotará á Cañiza dunha moderna instalación eléctrica, co cambio de todas as luminarias a LED de última xeración, aportando aos barrios máis luminosidade, cambiando a luz laranxa por luz branca. Ademáis suporá a redución da emisión de contaminación lumínica, un importantísimo aforro nos consumos enerxéticos e un importante aforro de emisións de 93,4 toneladas de CO2 ao ano.

As subvencións para o aforro e eficiencia enerxética, financiadas polos Fondos Europeos a través do IDAE, permitiron ao Concello acometer esta gran reforma.  A inversión total, en todo o territorio municipal, inicialmente estaba estipulada en 2.523.890,92 € pero tras as baixas producidas durante as adxudicacións dos 6 expedientes de obras, alcanza os 2.419.516.

Deste importe, 1.935.612,80 € son fondos europeos do IDAE, 408.477,60 € son fondos dos Plan Concellos 2020 e 2021 da Deputación de Pontevedra e 75.455,60€ son do fondo de compensación medioambiental de 2021 da Xunta de Galicia.

 

cuadro de inversión de cambio de luminarias en todo o territorio municipal