O Alcalde visita as novas instalacións da entidade de saúde mental «Avelaiña», no concello de Ponteareas

O xerente, Rafa Álvarez, acompañado por algúns dos membros do equipo, amosaron ao Alcalde o novo centro de Ponteareas, ademáis de darlle a coñecer de primeira man os servizos que presta esta entidade, integrada por persoas con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas con este problema de saúde.

O Concello da Cañiza leva colaborando con Avelaiña dende hai máis de 7 anos, atendendo aos beneficiarios no Edificio Multiusos, da rúa Progreso, 21. Unha colaboración que se oficilizou por primeira vez en xuño de 2021 coa sinatura do 1º Convenio de colaboración entre o Concello e a Entidade e que contempla a achega dunha subvención anual de 1825,49€ e a cesión gratuita da instalación municipal para a atención do servizo.

Como xa manifestara no seu día o Alcalde Luis Piña, “a sinatura deste 1º Convenio de colaboración garante a continuidade da atención na Cañiza” e está permitindo atender aos nosos veciños e aos seus familiares dentro do Programa «Achego» e o «servizo de información e asesoramento en Saúde Mental».

 

O CONCELLO DA CAÑIZA, XUNTO COS OUTROS CONCELLOS DA COMARCA, TAMÉN COLABORA ECONÓMICAMENTE CO CENTRO DE PONTEAREAS PARA AXUDAR AO MANTEMENTO DA ENTIDADE, NESTE CASO APORTANDO UNHA CUOTA ANUAL DESTINADA AO PAGO DO ALUGUER DAS NOVAS INSTALACIÓNS ASISTENCIAIS.

 

Ademáis, sempre que os profesionais valoren a necesidade, algúns usuarios do Centro da Cañiza se derivan á sede de Ponteareas que da unha cobertura mais ampla aos dous principais servizos de Avelaíña na Comarca de O Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas.

Estes servizos son o Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral (CRPL) inaugurado no mes de marzo de 2022, de atención diurna, con 30 prazas concertadas co SERGAS e dirixido a persoas con trastorno mental grave, de idades comprendidas entre os 16 e os 60 anos.

E o outro servizo, igualmente importante é o desenvolvido a través do Programa Achego. Un programa de atención comunitaria á saúde mental, no rural, que comezou a súa andadura no ano 2016.

Nas Unidades de Apoio Comunitario (UAC) do programa, con sede en Ponteareas e na Cañiza, ofrécese un servizo de información e asesoramento en saúde mental aberto a toda a poboación. Contase ademais cun servizo de Apoio Integral en saúde mental (psicoloxía, traballo social, educación social), atención de proximidade (para aquelas persoas que teñan dificultades para asistir á UAC) e accións socioeducativas de prevención e promoción da saúde mental.