O Alcalde visita as instalacións da piscina climatizada tras a finalización das obras de renovación integral dos sistemas de depuración

  • A actuación contou cun investimento de 232.672,85€ e dúas axudas da Deputación de 107.033,26 € e 125.462,06 €.
  • Na visita estivo acompañado pola 1ª Teniente de Alcalde María José Rodríguez e a Concelleira Eva María Rivas, por responsables e técnicos da empresa constructora MEDANCLI, SL e por persoal municipal.
  • A Piscina climatizada inicia a nova tempada este mércores 1 de outubro.

 

O Investimento das obras de renovación dos sistemas de depuración ascenderon a un total de 232.672,85€, dos cales 213.191,80 € corresponden á execución material, 6.001,60€ á redacción do proxecto, 6.824,40€ á dirección de obra, 5.324,00€ á dirección de execución de obra e 1.331,00€ á coordinación de seguridade e saúde.

O contrato foi adxudicado á empresa MEDANCLI SL, por un importe de 212.758,20 € (IVE incluído), tras resultar a mellor oferta no procedemento negociado sen publicidade, tras quedar deserto o procedemento en aberto.

O financiamento procede case na súa totalidade de dúas subvencións da Deputación Provincial de Pontevedra: 107.033,26€ a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID 2025) e 125.462,06€ do remanente do Plan Máis Provincia 2024. Grazas a estas achegas, o Concello só tivo que aportar 177,53 € de fondos propios, o que representa unicamente o 0,08 % do investimento total.

A necesidade de acometer esta nova mellora está relacionada coa reforma enerxética executada entre os anos 2021 e 2023, que permitiu mellorar a envolvente e eficiencia da piscina climatizada, quedando o  sistema de depuración sen renovar por falta de orzamento. O antigo sistema de filtración por area resultaba pouco eficiente, con altos consumos de auga e enerxía e custos de mantemento elevados. Ademais, presentaba limitacións técnicas para garantir os niveis de calidade sanitaria que hoxe esixe a normativa.

A nova actuación responde así á necesidade de modernizar a instalación con tecnoloxía máis avanzada, reducir consumos, mellorar a seguridade sanitaria e cumprir cos requisitos legais vixentes (RD 742/2013 sobre a calidade da auga de piscinas, RD 865/2003 de prevención da lexionela, RITE, etc.).

 

A intervención supuxo unha renovación integral do sistema de depuración, coa instalación de tecnoloxía máis moderna, eficiente e segura, incorporando as seguintes melloras:

  • Novo sistema de microfiltración con membranas cerámicas, que retén partículas de ata 3 micras e elimina graxas e aceites, substituíndo ao antigo sistema de area.
  • Automatización dos procesos, con cadro de mandos centralizado, regulación de bombas, análise continuo de cloro e pH e programas de limpeza automática.
  • Tratamento máis seguro da auga, mediante un xerador de hipoclorito de sodio, un descalcificador de 300 litros e un tanque de 1.000 litros.
  • Bombas de aspiración de última xeración, dúas centrífugas de ata 100 m³/h con pre-filtros reforzados.
  • Compresor de apoio para a limpeza das membranas.
  • Sistema de dosificación de floculante e control multiparámetrico, que garante o equilibrio da auga en termos de pH, redox e temperatura.
  • Plan de mantemento preventivo, para prolongar a vida útil da instalación e reducir incidencias.

 

Durante a visita Luis Piña destacou que “estas melloras supoñen un salto cualitativo na xestión da piscina municipal, cun sistema máis eficiente, sostible e seguro para todos os usuarios. A piscina climatizada abrirá as súas portas ao público o 1 de outubro, xa co novo sistema en funcionamento, ofrecendo á veciñanza unhas condicións de uso modernas, confortables e ambientalmente responsables”.

 

Segunda reforma enerxética da instalación:

Estas melloras súmanse á reforma enerxética integral da piscina climatizada, finalizada en marzo de 2023, que permitiu reducir consumos, baixar custos e mellorar o confort térmico, garantindo a sostibilidade do servizo a longo prazo.

Aquela actuación contou cun investimento de case un millón de euros (945.660,77 €), con axudas do MITMA (727.678,69 € a través do PIREP Liña 1), da Deputación de Pontevedra (76.684,03 € do plan ReacPon e 28.830,28 € do Plan Concellos 2022-2023) e do Fondo de Compensación Medioambiental da Xunta de Galicia (89.000 € para carpintería metálica e ventás). O Concello aportou 112.467,77 € mediante un préstamo a 12 anos concertado con ABANCA.