O Alcalde reúnese co Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García

Para tratar sobre a cobertura da praza do MÉDICO DE VALEIXE e a dotación dun 4º MÉDICO para o Centro de Saúde da Cañiza

 

  • Nesta xuntanza celebrada o luns 17 de xaneiro tamén estiveron presentes o Xerente do Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente e a Directora de Atención Primaria Reyes Díaz.

 

  • O Alcalde da Cañiza solicitou esta cita a primeiros de novembro do ano pasado para reivindicar a cobertura da praza de facultativo en Valeixe os 5 días da semana e a dotación dun 4 médico para o centro de saúde da Cañiza que podería ser o mesmo profesional.

 

  • Esta reivindicación votouse no Pleno celebrado o pasado 4 de novembro, a petición da Alcaldía a través dunha Moción, recibindo o apoio unánime de todas as formacións políticas da Corporación Municipal.

 

  • O Conselleiro informou ao Alcalde que Sanidade está implantando un novo modelo piloto nos centros de Valeixe e Covelo que consiste na atención aos pacientes a través dun enfermeiro socio comunitario.

 

  • Durante esta reunión o Alcalde aclarou que se a Xunta non mantén o Médico en Valeixe, tampouco tería sentido manter a praza de Auxiliar Administrativo adscrita ao facultativo e que paga o Concello cuns costes de máis de 15.000€ ao ano.

 

Onte o Alcalde Luis Piña reuniuse no Departamento Territorial de Sanidade de Vigo co Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García, para reiterarlle as reivindicacións sobre a cobertura da praza de médico no centro de Valeixe.

Unha reivindicación que xa leva enriba da mesa dous anos e medio e que enlaza tamén coa necesidade de dotar ao centro de Saúde da Cañiza cun 4 médico. Necesidade derivada da decisión do Sergas de vaciar e repartir as máis de 845 cartillas da parroquia de Valeixe entre os tres médicos do Centro de Saúde da Cañiza. Cada un destes profesionais atenden na actualidade unha media de 1457 pacientes.

Despois de ter solicitada a cita dende a Alcaldía dende o pasado 2 de novembro de 2021, esta luns o Conselleiro Julio García recibiu ao Alcalde para comunicarlle que Sanidade está cambiando o modelo de atención sanitaria e está probando un proxecto piloto nos municipios de A Cañiza e Covelo coa dotación dun enfermeiro socio comunitario que é o que atende aos pacientes e que é o que sustituirá ao actual enfermeiro a piques de xubilarse.

 

O CONSELLEIRO REITEROU QUE VOLVERÁ A EXISTIR SERVIZO MÉDICO NO CONSULTORIO DE VALEIXE

Nesta xuntanza Luis Piña volveu a reivindicar a postura inicial da Alcaldía sobre a dotación do Médico en Valeixe. «O Conselleiro reiterou que volverá a existir servizo médico no consultorio».

Ante esta situación o Alcalde manifestou que se a praza  de Médico non pode ser cuberta pola Consellería de Sanidade, tampouco tería sentido que o Concello siga mantendo a praza de Auxiliar Administrativo adscrita exclusivamente ao médico, cuns gastos que superan os 15.000€uros anuais.

Segundo manifestou Luis Piña esta mañá « a Administración pública, neste caso a Xunta de Galicia, qué é a que ten as competencias en materia de sanidade, ten o deber de esforzarse no mantemento dos servizos sanitarios no rural, sen recortes innecesarios porque non existe a necesidade de facer axustes coa Sanidade Pública nin de crear unha atención sanitaria deficiente. Para Luis Piña «despois de máis de dous anos e medio, xa é tempo de que esta situación se resolva satisfactoriamente para todos os veciños e veciñas da Cañiza »

 

A CONSELLERÍA DE SANIDADE DA XUNTA DE GALICIA VACIOU  E REPARTÍU O PASADO MES DE OUTUBRO DE 2021 AS CARTILLAS/ PACIENTES ASIGNADOS Á PRAZA DE MÉDICO DE VALEIXE ENTRE OS TRES MÉDICOS DO CENTRO DE SAÚDE DA CAÑIZA.

 

O pasado 28 de outubro de 2021, a Alcaldía tivo coñecemento de que o SERGAS vaciaba e repartía as 845 cartillas da praza de facultativo do Centro Médico de Valeixe para reasignalas e distribuilas entre os tres médicos que atenden no Centro de Saúde da Cañiza.  

Os argumentos do Servizo Galego de Saúde apoiábanse en que polo volumen de cartillas asignadas a cada médico, non era necesario un cuarto facultativo.

Sen embargo dos datos extraídos do SIGAP do Sergas, as tres consultas médicas do Centro de Saúde da Cañiza e o consultorio de Valeixe suman case 4.500 cartillas.

Unha  circunstancia que considerando o crecemento do Padrón de Habitantes desbordará, saturará e colapsará en pouco tempo a atención sanitaria nesta localidade.

Unha carga de traballo que no caso da Cañiza se complica e duplica por contar cunha poboación altamente envellecida.

Por todo isto o Alcalde Luis Piña reivindica novamente  a cobertura da Praza de Médico en Valeixe e a dotación dun 4º facultativo para o Centro de Saúde da Cañiza que podería ser  cuberto polo mesmo profesional.