Neste mes de outubro estase celebrando na localidade portuguesa de Braga a 10ª Edición do Campionato EUROPEAN POLICE & FIRE GAMES 2024, na que están participando máis dun centenar de loitadores, policías e bombeiros, de 30 nacionalidades europeas.
O noso veciño Rogelio Rodríguez Riveiro, natural de Petán, policía nacional dende hai dúas décadas e destinado na actualidade na Comisaría de Miranda de Ebro, clasificouse este 13 de outubro na 3ª posición, conseguindo a súa primeira medalla de bronce en Jiu Jitsu brasileño na modalidade “grappling”, categoría 40-49 anos e 69-77 kilos de peso.
Esta mañá tivemos a honra de recibir no Concello a Rogelio que ademáis ten o mérito de conseguir clasificarse á primeira, xa que, segundo nos comentou, é o seu primeiro campionato europeo.
Esta modalidade é un arte marcial e deporte de contacto e tamén un sistema de defensa persoal que busca ter baixo control ao oponente sen efectuar ningún golpe, para despois gañar o combate. Este método de loita está basado en técnicas de agarre, estrangulación e luxación das extremidades do adversario.
No recibimento desta mañá o Alcalde agradeceu a Rogelio “ter compartido con todos nós este gran éxito, conseguido a base de esforzo, constancia e máxima disciplina”. Un éxito que unha vez máis nos fai sentirnos orgullosos de ser cañicenses.
Pola súa parte Rogelio Rodríguez agradeceu o recibimento e nos comentou que durante os seus 20 anos de profesión como policía nacional, practicou varias disciplinas de artes marciais ata que descubriu esta modalidade que xa leva 12 anos ejercitando e que encaixa perfectamente coa súa profesión, xa que permite reducir sen causar danos ao oponente. “Neste caso traballo policial e práctica deportiva marcial se retroalimentan perfectamente”.
Na recepción desta mañá Rogelio quixo lanzar unha mensaxe aos nosos veciños e veciñas sobre a importancia e a necesidade de cuidarse e practicar calquera deporte, con independencia da idade que teñamos. “Deporte é saude en calquera etapa da nosa Vida.” Como exemplo Rogelio entrena 3 días á semana no ximnasio BJJ LAKUA de Vitoria/Gasteiz e o resto dos días no ximnasio da comisaría de Miranda de Ebro.
Ademáis agradeceu o traballo dos seus adestradores, compañeiros de adestramento e a súa familia polo apoio constante amosado durante todo este tempo e dirixiuse especialmente a súa parella e ao seu fillo Aarón que o acompañou nos días da competición, sendo moi importante a súa presenza e apoio incondicional .
Noraboa e felicidades por este gran éxito!.