O Alcalde recibe no Concello ao Delegado Territorial da Xunta, Pablo Fernández e visitan as obras de mellora do alumeado no Parque Uceira
O Alcalde Luis Piña recibiu este luns na Casa Consistorial ao Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández, con quen mantivo un encontro de traballo antes de desprazarse ao Parque Empresarial Uceira para coñecer de primeira man o avance das obras de mellora do alumeado.
Esta actuación conta cun investimento total de 48.337,54 euros, dos que o 80%, un total de 38.670,03 euros, son financiados pola Consellería de Economía e Industria ao abeiro das axudas destinadas á habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais. O 20 % restante, 9.667,51 euros, foi asumido con fondos propios do Concello.
As obras, adxudicadas á empresa Construelectric Systems Galicia, S.L. por un importe de 41.158,00 euros, contemplan a renovación integral do alumeado público do Parque Empresarial Uceira. A actuación inclúe a substitución das actuais luminarias de vapor de mercurio por 12 novas luminarias LED regulables de 55 W, máis eficientes e con menor contaminación luminosa. Tamén se renovarán os soportes e caixas de conexión, instalaranse novas columnas na beirarrúa e substituiranse os actuais tendidos aéreos por cableado soterrado. A actuación contempla un novo cadro de mando e medida e sistemas de regulación que permitirán adaptar a potencia do alumeado ás necesidades de cada momento.
A renovación permitirá pasar dun consumo estimado de 7.308 kWh anuais a 1.627 kWh, o que supón un aforro enerxético do 78 % e un aforro económico estimado de 1.420 euros anuais. Ademais, o proxecto estima unha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro de arredor de 3 toneladas de CO₂ ao ano.
Antes da visita ao parque empresarial, o Alcalde mantivo un encontro co delegado territorial na Casa Consistorial, no que lle trasladou diferentes cuestións que afectan directamente ao día a día do Concello e á prestación dos servizos públicos municipais.
Entre os asuntos abordados destacaron as dificultades ás que se enfrontan os concellos para exercer con garantías determinadas competencias, especialmente no ámbito dos servizos sociais e sanitarios, así como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o funcionamento das escolas infantís e a necesidade de contar cos recursos e financiamento suficientes para garantir a adecuada prestación destes servizos á veciñanza.
Outro dos asuntos tratados foi a prevención e actuación fronte aos incendios, así como a actual estrutura de medios e recursos para afrontar este servizo.
Ademais, o Alcalde informou a Pablo Fernández da recente xuntanza mantida co xefe territorial de Educación, César Ares, na que se abordaron tres cuestións prioritarias para o municipio: a renovación da cuberta do pavillón do CPI da Caniza, a substitución da cuberta do Centro de ESO e a necesidade de potenciar e garantir a continuidade do CEIP de Touzosas-Valeixe, ampliando a súa área de influencia a todo o municipio.
Por outra banda, Luis Piña trasladou ao Delegado Territorial a necesidade de mellorar o vial da estrada autonómica PO-406, concretamente no tramo urbano comprendido entre o cruce do Xatomé e a rotonda do Cristo, que presenta un avanzado estado de deterioro do firme.
Tras a visita ao Parque Empresarial Uceira, o Alcalde amosou a súa satisfacción polo encontro mantido co Delegado Territorial e agradeceu a súa presenza no municipio.