O Alcalde recibe na Caniza ao novo Cónsul Honorario de México en Galicia
-
Luis Piña felicitou a Alfonso Pereira Sardi polo seu recente nomeamento, destacando a estreita relación profesional que desde hai anos mantén o Concello co novo representante consular
O Alcalde Luis Piña recibiu o pasado sábado ao recentemente nomeado Cónsul Honorario de México en Galicia, Alfonso Pereira Sardi, nun encontro no que lle trasladou persoalmente a súa felicitación polo seu nomeamento e moitos éxitos nesta nova etapa. Unha responsabilidade que asume tras unha dilatada traxectoria profesional vinculada ao ámbito xurídico.
O Consulado Honorario de México en Galicia, con sede en Ourense, na rúa Progreso, 72, 2.º , foi inaugurado o pasado mes de xuño.
Durante a recepción, Luis Piña puxo en valor a relación que o Concello da Caniza mantén desde hai anos con Alfonso Pereira a través do seu despacho de avogados, co que vén traballando ao longo deste tempo, así como o seu coñecemento e experiencia no ámbito xurídico.
“Como Alcalde da Caniza é unha satisfacción recibir a Alfonso Pereira neste momento tan importante. Levamos anos traballando con el e co seu despacho, polo que coñecemos de primeira man a súa profesionalidade e compromiso. Estamos seguros de que asumirá esta nova responsabilidade con gran dedicación e queremos desexarlle todo o éxito nesta etapa”.
Pola súa parte, o novo cónsul comprometeuse a traballar e a explorar oportunidades en beneficio do municipio da Caniza.
Luis Piña destacou tamén a dimensión humana desta función consular e a importancia dos vínculos existentes entre Galicia e México.