O Alcalde recepciona o novo remolque lavacontedores destinado ao Servizo Municipal de Recollida do Lixo

  • O equipamento permitirá mellorar a limpeza e hixiene dos colectores municipais.
  • A mesma subvención do Fondo de Compensación Ambiental financia tamén a adquisición de sete desbrozadoras de man para reforzar os traballos de limpeza de maleza.

O Alcalde Luis Piña recepcionou onte, 19 de outubro, o novo remolque lavacontedores que se incorporará ao Servizo Municipal de Recollida do Lixo, unha adquisición destinada a mellorar as condicións de limpeza e hixiene dos colectores municipais e reducir os malos cheiros.

O equipamento foi entregado por Pablo Loureiro, representante de BAYGAR, S.L., empresa adxudicataria do primeiro lote do contrato, correspondente ao subministro do remolque lavacontedores, por un importe de 71.390 euros, IVE incluído.

Esta actuación forma parte do proxecto municipal de adquisición de maquinaria e equipamento para a protección do medio ambiente e do espazo natural, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia para o ano 2026, que concedeu ao Concello unha subvención de 78.869,23 euros para o conxunto do investimento. Esta cantidade, importe máximo subvencionable na liña non competitiva do Fondo, correspondelle ao Concello por contar con aeroxeradores no termo municipal. 

O proxecto inclúe tamén a adquisición de sete desbrozadoras de man, destinadas ao parque de maquinaria municipal, que permitirán reforzar os traballos de limpeza de maleza, así como mellorar a capacidade de resposta dos servizos municipais. Este segundo lote foi adxudicado á empresa Maquinaria Agrícola Carpintero, S.L., por un importe de 6.310,15 euros, IVE incluído.

O NOVO EQUIPAMENTO INCORPORA UN SISTEMA AUTÓNOMO DE LAVADO CON AUGA A PRESIÓN

O novo lavacontedores, modelo BAY-50, está integrado nun remolque homologado que permite o seu transporte mediante un vehículo con enganche. Trátase dun sistema autónomo de limpeza con auga a presión, deseñado para facilitar os traballos do persoal municipal e adaptar o proceso de lavado ás necesidades de cada colector.

Entre as súas principais características destaca a capacidade para lavar simultaneamente dous colectores de 240 e 360 litros, mentres que os de 800 e 1.100 litros se lavan individualmente. O equipo dispón dun sistema de lavado programable, que permite regular o tempo de funcionamento segundo o grao de sucidade, e dunha bomba de alta presión cun caudal de 50 litros por minuto e unha presión de ata 150 bares.

O remolque incorpora, ademais, depósitos de auga de 400 e 200 litros e un sistema de recollida de augas sucias con catro fases de filtrado, así como un cadro eléctrico automatizado e distintos elementos de seguridade que facilitan o seu manexo.

Tras a recepción do remolque o Alcalde Luis Piña comentou que “a incorporación deste equipamento permitirá reforzar a limpeza periódica dos colectores de lixo, unha tarefa fundamental para mellorar a hixiene, reducir os malos cheiros e evitar os problemas derivados da acumulación de restos orgánicos, especialmente durante os meses de máis calor”.