- Luis Piña visitou o CEIP de Valeixe para participar nunha xornada enmarcada no programa “Aprender do Bosque”, unha iniciativa de educación ambiental promovida pola Fundación María José Jove.
- Durante toda a visita estivo acompañado pola directora do centro, Yolanda Feijóo, e pola mestra coordinadora do proxecto, Sandra Gil.
- O centro de Valeixe foi un dos cinco centros educativos seleccionados en toda Galicia para formar parte deste proxecto, que busca achegar ao alumnado ao coñecemento e coidado dos ecosistemas forestais.
A xornada incluíu a plantación de árbores autóctonas nun terreo cedido pola Comunidade de Montes de Valeixe. Nos días previos, o alumnado, o profesorado, as familias e a ANPA participaron activamente nos traballos de preparación do terreo e plantación das árbores. En concreto, plantáronse catro especies propias do territorio: o castiñeiro, o carballo, o bidueiro e a sobreira, árbores que contribúen á biodiversidade dos montes galegos.
O programa ten como obxectivo que os nenos e nenas coñezan, observen e coiden un pequeno bosque vinculado ao centro educativo, converténdoo nun espazo vivo de aprendizaxe. A través desta experiencia, o alumnado pode descubrir como as plantas e os animais dependen uns dos outros para vivir, comprender o funcionamento dos ecosistemas e reflexionar sobre a importancia de protexer a natureza.
Tras a plantación, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria realizou unha posta en escena relacionada con esta actividade, na que explicaron e representaron o valor das árbores e o papel que desempeñan dentro do ecosistema.
Dentro do proxecto, o alumnado recibiu tamén materiais didácticos como o caderno “Aprender do bosque”, que inclúe información sobre distintas especies de árbores autóctonas e propostas de observación e investigación. Durante a visita, o Alcalde puido tamén familiarizarse cos libros elaborados polo alumnado sobre cada unha das árbores traballadas, un material que forma parte das actividades educativas desenvolvidas no centro.
O coidado e seguimento deste novo espazo natural será asumido polo propio alumnado xunto coas súas familias, que participarán nas tarefas de mantemento e observación ao longo do tempo, convertendo o bosque nun proxecto educativo vivo.
O programa “Aprender do Bosque” enmárcase dentro do proxecto Reverdecer: ecofisioloxía vexetal e conciencia para a conservación dos bosques autóctonos, impulsado polo Centro de Arte da Fundación María José Jove co apoio da Fundación Daniel e Nina Carasso, a través da convocatoria Componer saberes para imaginar y construir futuros sostenibles, en colaboración co Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo e AGACAL.
O Alcalde rematou a visita agradecendo a invitación a esta xornada e felicitando a toda a comunidade escolar de Valeixe polo éxito deste proxecto educativo.
Noraboa a todos!
Galería multimedia