O Alcalde Luis Piña visita o novo miradoiro de Monte Lapido, na parroquia do Couto, un observatorio natural sobre o río Ribadil

O Alcalde Luis Piña, acompañado da 1ª Teniente de Alcalde, Mª José Rodríguez e da Concelleira do Couto, Eva Mª Rivas, visitaron o Miradoiro de Monte Lapido, situado no lugar de Noceifas – Couto, tras finalizarse as obras de construción deste novo observatorio natural situado sobre o val do río Ribadil, no límite do espazo Rede Natura 2000 do Baixo Miño.

 A actuación foi executada co obxectivo de dotar á zona dun punto de observación paisaxística e ambiental complementario á ruta homologada PR-G 272.

 A obra, cun orzamento de 35.896,62 €, inclúe a construción dun miradoiro en madeira, un camiño de acceso mellorado e sinalización interpretativa para os visitantes e contou cunha subvención de 29.666,63€ para recuperación do patrimonio natural e sensibilización ecolóxica na rede Natura 2000 de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia.

 O Concello aportou con fondos propios a parte correspondente ao Ive que estaba excluido da axuda. Un total de 6.229,99€. A obra foi adxudicada á empresa Pangea Ingeniería del Territorio SLNE.

 Segundo explicou o Alcalde Luis Piña  “o investimento da execución material destas obras ascendeu a 23.081,20€ aos que houbo que engadir o 13% de gastos xerais (3.000,56€) e o 6% de beneficio industrial  (1.384,87€). A estas cantidades tamén se sumaron os costes da dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde ( 2.200,00€) e o 21% de Ive, resultando un total de 35.896,62€".

 Durante a visita, o rexedor destacou a importancia deste proxecto, que “permite dar visibilidade aos valores ecolóxicos e paisaxísticos da zona e reforza a conexión entre a veciñanza e o seu medio natural, á vez que mellora a oferta recreativa e ambiental da Cañiza”.

O Alcalde avanzou que “estamos planificando unha andaina para inaugurar esta nova infraestrutura turística”.

 

Contexto ambiental e territorial

O espazo obxecto desta intervención atópase na contorna do LIC Baixo Miño, un Lugar de Importancia Comunitaria que forma parte da Rede Natura 2000. Esta área presenta un alto valor ecolóxico grazas á presenza de ecosistemas de ribeira e a unha rica biodiversidade tanto en flora coma en fauna —carballos, loureiros, sobreiras, salgueiros, toxos, lampreas, anguías, troitas e salmóns, entre outras especies—.

O Monte Lapido, lugar escollido para a localización do miradoiro, ofrece unhas vistas privilexiadas sobre o val do Ribadil, o Miño e ata as montañas do norte de Portugal. A zona conta cunha cobertura arbórea baixa de piñeiro atlántico que non interfire na panorámica do espazo natural.

 

Memoria técnica do proxecto

O proxecto inclúe catro actuacións principais: roza do camiño de acceso, acondicionamento da senda, construción do observatorio e instalación de material interpretativo.

 

1.      Roza e acceso:

Realizouse unha roza manual ao longo de 552 metros de camiño cunha franxa de entre 2 e 4 metros, triturando os restos vexetais. Para o acceso desde o sendeiro homologado PR-G 272, acondicionouse un treito final de 70 metros cunha senda peonil de 1,5 metros de ancho e a colocación de travesas de madeira para mitigar a pendente e reducir a escorrentía.

 

2.      Observatorio:

O miradoiro foi construído entre os penedos graníticos do monte, integrándose na paisaxe sen cubrir os elementos naturais. A estrutura, realizada en madeira de piñeiro tratada en autoclave (nivel IV), conta cunha tarima antiescorregadiza, varandas de protección e está ancorada mediante zapatas de formigón e ferraxes metálicos. A madeira foi tratada con dúas capas de lasur protector para garantir a súa durabilidade.

 

3.       Escaleiras e sinalización:

Instalouse unha escaleira de madeira para facilitar o acceso final á plataforma. No desvío desde o sendeiro PR‐G 272 colocáronse dous postes sinalizadores e instalouse tamén o cartel de obra conforme á normativa vixente.

 

4.      Panelaría interpretativa:

Incluíronse dous carteis informativos sobre o espazo Rede Natura e os elementos naturais visibles dende o miradoiro. Están fabricados en madeira tratada e metal, con impresión en vinilo laminado resistente a UV e antigraffiti.

Arquivo de vídeo