O pasado 30 de xaneiro, o Alcalde da Cañiza, Luis Piña, mantivo unha reunión en Santiago de Compostela con Jacobo José Rey Sastre, Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, e co Subdirector Xeral de Demografía e Conciliación, Alberto Vázquez Sanmartín.
Durante o encontro, o Alcalde trasladoulles diversas problemáticas relacionadas coa Escola Infantil Municipal de 0 a 3 anos da Cañiza, inaugurada a finais do ano 2010. Desde a súa construción, o edificio vén presentando múltiples problemas de humidades, derivados principalmente da inexistencia de illamento no chan, o que provoca a aparición continuada de humidades nas paredes.
Esta situación, xa coñecida pola Xunta a través das inspeccións realizadas ao centro, obriga a realizar traballos de limpeza e mantemento de maneira recorrente, ano tras ano.
Ao longo do tempo puxéronse en marcha distintas solucións técnicas co obxectivo de corrixir estas deficiencias estruturais, sen que ata o de agora se acadase unha solución definitiva. Neste punto, o Alcalde informou que o Concello contratou a redacción dun proxecto que tentará dar unha solución definitiva a este problema, proxecto que xa tivo entrada no rexistro xeral.
Ante esta situación, o Alcalde solicitou axuda e colaboración institucional para poder abordar e resolver de xeito eficaz este problema de carácter estrutural, atopando por parte da Xunta vontade de estudar posibles vías de colaboración.
Tras o remate da reunión, Luis Piña expresou o seu agradecemento tanto ao Director Xeral como ao Subdirector, polo trato e comprensión amosados ante os temas tratados.