O Alcalde recibiu o pasado 23 de outubro no Concello a Don José Manuel Pereira Vidal, novo párroco das Parroquias de Santa Teresa de Xesús da Cañiza, San Sebastián de Achas, Santa Eulalia de Deva e San Xulián de Petán, quen comezou a súa labor pastoral na Cañiza o pasado 19 de outubro, data na que celebrou a súa primeira misa no templo parroquial de Santa Teresa.
Durante o encontro, o rexedor trasladoulle a benvida institucional e ofreceulle a plena colaboración do Concello en todas aquelas iniciativas que contribúan ao benestar social, espiritual e cultural das veciñas e veciños da Cañiza.
“Queremos manter unha relación de proximidade e cooperación coa parroquia, que forma parte esencial da vida comunitaria”, destacou o Alcalde, subliñando a importancia de reforzar os lazos entre as institucións locais e a comunidade relixiosa.
Pola súa banda, José Manuel Pereira Vidal agradeceu o xesto de acollida e manifestou o seu desexo de integrarse plenamente na vida do municipio, continuando a súa labor pastoral con dedicación e espírito de servizo.
En apenas unha semana desde a súa incorporación, o sacerdote recoñece ter recibido unha moi boa acollida por parte dos fregueses, e afirma atoparse nunha etapa de toma de contacto, coñecendo pouco a pouco á súa nova comunidade parroquial.
“Síntome moi agradecido pola cercanía da xente e estou aprendendo a coñecer aos meus novos fregueses”, sinalou o novo párroco.
Con 37 anos de ministerio sacerdotal, José Manuel Pereira Vidal conta cunha sólida traxectoria. Exerceu nove anos na parroquia de Barcia de Mera (Covelo), dous anos en Salamanca —onde ampliou os seus estudos—, once anos en Fornelos da Ribeira (Salvaterra de Miño) e catorce anos na parroquia da Inmaculada Concepción de Vigo.
A súa mudanza de destino responde a unha proposta da Diocese, que el aceptou con entusiasmo, convencido de que “os sacerdotes deben moverse de cando en vez para coñecer outras realidades.” Aínda que regresa a unha contorna rural, non lle resulta descoñecida, xa que máis de vinte anos da súa labor pastoral desenvolveunos entre Covelo e Salvaterra de Miño, en contacto directo coa vida e as tradicións rurais.
O Alcalde Luis Piña desexoulle ao novo párroco unha fructífera labor ao fronte das parroquias da Cañiza, Achas, Petán e Deva, e reiteroulle a súa disposición a colaborar en proxectos e actividades que reforcen a convivencia, a solidariedade e os valores compartidos.