A gran concentración de cerámica estampillada da Idade do Ferro constitúe un dos achados máis relevantes da intervención.
O Alcalde Luis Piña realizou este xoves a súa segunda visita oficial á Citania Castrexa das Grades, acompañado pola Tenente de Alcalde, María José Rodríguez, e pola Concelleira de Goberno, Eva Mª Rivas, para coñecer de preto o avance das catas arqueolóxicas que se están a desenvolver no xacemento.
A visita foi conducida pola arqueóloga e directora da intervención, Oria Ferreiro Diz, do grupo TEMPOS ARQUEÓLOGOS, acompañada do equipo formado por María González Sixto, Carla Aboal Barreiro, Andrés Rey Sierra e Daniel Rodríguez Pérez. Oria explicou nesta 2ª visita os descubrimentos máis recentes, o estado das sondaxes e as fases pendentes desta primeira campaña científica.
Durante esta segunda semana de traballo, o equipo abriu novas sondaxes e ampliou outras que xa foran positivas, ao tempo que documentou tanto áreas negativas —útiles para descartar zonas sen potencial arqueolóxico— como sectores con achados de gran interese.
Entre estes destaca de maneira particular a importante concentración de cerámica estampillada e decorada, propia da Idade do Ferro, un conxunto excepcional que permitirá afinar datacións e interpretar con maior precisión o uso das estruturas identificadas.
Tamén se localizou unha estrutura muraria moi arrasada asociada a un pavimento de area, o que apunta á posible existencia dunha edificación —quizais habitacional— dada a elevada cantidade de cerámica.
Tal e como xa comunicara o Alcalde, o venres 5 de decembro ás 17:00 horas procedeuse á cobertura de todas as catas abertas, seguindo estritamente o protocolo de conservación establecido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural:
- Colocación de malla xeotextil sobre todas as estruturas documentadas.
- Reposición do sedimento orixinal.
- Protección integral das áreas ata futuras campañas.
Este proceso garante a preservación dos restos fronte á choiva, a erosión e outras alteracións ambientais, asegurando a súa integridade ata novas intervencións científicas.
Segundo declaracións do Alcalde: “Esta segunda visita permítenos comprobar o rigor e o avance dun traballo que xa está a deixar achados de extraordinario valor para A Cañiza. A abundancia e calidade da cerámica estampillada recuperada supón unha oportunidade excepcional para comprender mellor a historia da Citania. Seguiremos apoiando esta intervención e animamos á veciñanza a sentirse parte deste proceso de descubrimento do noso patrimonio.”
Tras agradecer o traballo realizado por todo o equipo de arqueólogos de Tempos, nun momento de gran inestabilidade climatolóxica, Luis Piña tamén destacou o esforzo realizado polo Concello coa expropiación dos terreos e agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia 2025, que fai posible esta primeira campaña científica.
Declaracións completas de Oria Ferreiro Diz, directora da intervención arqueolóxica:
“Nesta segunda semana de traballo abrimos unha nova sonda que finalmente resultou negativa. Aínda que non aparecesen estruturas nin materiais relevantes, este tipo de resultados tamén é fundamental: permítenos discriminar áreas de menor potencial e orientar mellor as intervencións futuras, optimizando tempo, recursos e esforzo científico.”
“Decidimos tamén ampliar un sondaxe previo que xa dera resultados moi positivos. Nesta ampliación recuperamos unha gran cantidade de material cerámico —moito del decorado— e documentamos restos dunha estrutura muraria moi arrasada. Esta estrutura parece estar asociada a un pavimento de area, o que suxire a existencia dalgún tipo de edificación. Pola densidade e variedade da cerámica asociada, non descartamos que poida tratarse dunha estrutura de carácter habitacional. A interpretación definitiva deberá esperar á análise completa en laboratorio, pero os indicios son moi relevantes.”
“Nas catas ampliadas —tanto na que resultou negativa como na que resultou moi positiva— recuperamos unha gran cantidade de material cerámico. Entre todo este conxunto destacan especialmente moitos bordes de vaixelas. Estes bordes son cruciais no traballo posterior de gabinete, xa que permiten reconstruír os perfís completos das pezas e afinar as datacións con maior precisión. Trátase dun material de gran valor para establecer unha cronoloxía fiable da ocupación do castro.”
“Noutra das zonas de traballo, onde se observaban numerosos montes de pedra acumulados, localizamos un muro que parece non pertencer ao período castrexo. Probablemente se trate dunha estrutura de época histórica posterior, relacionada con movementos de pedra realizados polos antigos propietarios. A identificación deste tipo de elementos é importante para distinguir claramente os niveis arqueolóxicos propios do castro fronte ás intervencións máis recentes.”
“Ampliamos tamén dous dos primeiros sondaxes que abriramos: un no parapeto defensivo e outro na zona da croa, onde inicialmente se identificara unha estrutura muraria lineal. Mentres que unha destas ampliacións chegou a sustrato estéril e resultou finalmente negativa, a ampliación na croa permitiu seguir documentando esa estrutura muraria lineal, que continúa ofrecendo datos de grande interese para comprender a organización interna do asentamento.”
“As seguintes fases do traballo inclúen tres liñas fundamentais:
- A primeira é o peche do traballo de campo, que implica o rexistro exhaustivo de todo o documentado: perfís, fotografías, planos, coordenadas das sondas e das áreas escavadas.
- A segunda fase será o traballo de gabinete, no que procesaremos toda a información recollida e redactaremos unha memoria final interpretativa que será remitida a Patrimonio, quedando dispoñible para dominio público.
- A terceira fase é o acondicionamento do sitio: realizaremos o desbroce e a tala selectiva da vexetación en todo o castro para permitir unha topografía completa do xacemento unha vez estea totalmente despexado. Este paso é fundamental para a planificación de futuras intervencións e para a correcta lectura arqueolóxica do lugar.”
Galería multimedia