O Alcalde Luis Piña participa en Madrid no Encontro de Impacto Integral de Redeia

Círculo de Belas Artes, 26 de novembro de 2025.

O Alcalde da Cañiza, Luis Piña, participou este mércores como poñente convidado no Encontro de Impacto Integral organizado por Redeia, celebrado no Círculo de Belas Artes de Madrid. O evento reuniu representantes institucionais, organizacións sociais, entidades ambientais, empresas e axentes do territorio para compartir experiencias e reflexións sobre a transición ecolóxica e o impacto social en España.

Durante a súa intervención, o Alcalde explicou a importancia de que os grandes operadores enerxéticos manteñan unha relación próxima e transparente cos municipios rurais. Subliñou que a colaboración entre Redeia e a Cañiza se construíu desde o diálogo, a escoita e a utilidade real para o territorio, destacando actuacións impulsadas nos últimos anos como a instalación de aerotermia no campo de fútbol, a reforma integral das pistas municipais de tenis —que incluíu a instalación dunha nova iluminación LED—, os programas de formación dixital para persoas maiores e os concertos culturais promovidos por Redeia no municipio.

Luis Piña quixo ademais situar ao público no contexto territorial da Cañiza, afirmando con orgullo que, para el como alcalde —e probablemente para moitos outros alcaldes e alcaldesas—: “A Cañiza é o sitio máis importante do mundo”.

Na mesa tamén destacou a importancia de que a transición ecolóxica sexa xusta, inclusiva e posible para os municipios rurais, que sosteñen boa parte das infraestruturas e do territorio necesario para os proxectos enerxéticos. Lembrou que A Cañiza realizou nos últimos anos un esforzo exemplar en modernización e eficiencia: 5.354 luminarias renovadas, instalacións fotovoltaicas en edificios públicos, xeotermia na Casa Consistorial, aerotermia e biomasa en distintas instalacións municipais.

O Alcalde insistiu en que o rural está comprometido coa transición enerxética,

pero reclamou maior acompañamento técnico e vías de financiamento estables que permitan aos concellos pequenos avanzar ao ritmo que require o país.

Luis Piña tamén puxo en valor o impacto cultural que Redeia impulsou no municipio, lembrando que para moitos veciños escoitar música clásica en directo por primeira vez foi unha experiencia única e emocionante. Destacou os dous concertos celebrados na Cañiza: o primeiro, ofrecido por alumnos do último curso da Escola Superior de Música Raíña Sofía na igrexa parroquial; e o segundo, a cargo da Orquestra de Cámara Galega na Igrexa de Santa Cristina de Valeixe, no marco do 40.º aniversario de Redeia.

O Alcalde agradeceu publicamente a invitación e o recoñecemento recibido por parte de Redeia e subliñou a súa vontade de seguir reforzando a colaboración:
“Que sigamos construíndo unha colaboración estable no tempo: así gaña Redeia, gaña o territorio e gañamos todos.”

O evento coincidiu ademais coa presentación oficial de Red Activa, a nova plataforma audiovisual de Redeia que recolle máis de 240 iniciativas de impacto desenvolvidas en España e Latinoamérica, e que pon en valor experiencias reais de colaboración co territorio.