O Alcalde Luis Piña informou esta mañá da participación da Cañiza no programa “Entrena Empleo Rural” para mellorar a empregabilidade das mulleres

O Alcalde informou da participación activa do noso municipio na cuarta edición do programa “Entrena Empleo Rural”, unha iniciativa gratuíta e semipresencial, impulsada pola Fundación Santa María La Real, destinada a mellorar a inserción sociolaboral das mulleres, especialmente aquelas que estiveron afastadas do mercado laboral por motivos de maternidade ou coidados familiares.

Na actualidade, 15 mulleres galegas maiores de 22 anos, entre as que se atopan veciñas da Cañiza, xa están a participar neste programa. As participantes presentan perfís moi diversos tanto a nivel formativo (ESO, Formación Profesional, estudos universitarios, etc.) como profesional, con experiencia en sectores como administración, coidados, limpeza ou investigación.

En declaracións do Alcalde, “trátase dunha oportunidade real para apoiar ás mulleres da nosa contorna que desexan reincorporarse ao mercado laboral, facilitándolles recursos, acompañamento e formación axeitada ás súas necesidades actuais”.

Durante os vindeiros meses, contarán coa orientación de profesionais da Fundación Santa María la Real, quen as axudarán a definir un plan integral de procura de emprego, mellorar o seu currículo, prepararse para entrevistas laborais, potenciar as súas habilidades dixitais e recoñecer as competencias adquiridas durante a maternidade ou o tempo dedicado aos coidados.

Este programa, que tamén se desenvolve en outras localidades galegas como A Estrada ou Silleda, está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e a Fundación MAPFRE, no marco do Programa estatal de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza. Ademais, conta coa colaboración da Xunta de Galicia e dos concellos participantes, entre eles, o Concello da Cañiza.

 

Aínda hai prazas dispoñibles

Desde a Alcaldía infórmase de que aínda se pode acceder ao programa. As mulleres interesadas poden inscribirse de forma gratuíta na web oficial www.entrenaempleo.org/es/inscribete ou contactar coa técnica de emprego responsable do programa en Galicia:

Sarai Temes
 Teléfono: 621 152 361
 Correo:

O Alcalde, Luis Piña, anima a todas as mulleres da Cañiza que se atopen en situación de desemprego a aproveitar esta iniciativa, “que ofrece acompañamento e ferramentas reais para facilitar o seu regreso ao mundo laboral, nun ambiente de apoio e confianza”.