O Alcalde Luis Piña inaugura as III xornadas de “almorzos saudables” nos centros escolares da Cañiza
- Unha actividade na que participaron os alumnos do centro de Educación Infantil e Primaria da Cañiza
- O vindeiro luns 16 de xuño os almorzos reanudaranse no CEIP de Valeixe
O Alcalde Luis Piña informou hoxe do inicio das xornadas de “Almorzos Saudables”, nas que participaron as nenas e nenos do centro escolar de infantil e primaria da Cañiza.
Esta actividade forma parte do programa de “Prevención de drogodependencias e outras condutas aditivas 2025”, aprobado en Pleno o pasado 16 de xaneiro de 2023, no que se acordou a creación dunha Unidade específica para este fin.
O programa enmárcase dentro do servizo de prestación agrupada e xestión compartida cos concellos de Arbo, Crecente e Melón, sendo coordinado polo Concello da Cañiza.
Segundo explicou o Alcalde, estas terceiras xornadas sobre hábitos alimentarios estanse a desenvolver nos centros escolares, coincidindo cos últimos días do curso académico 2024-2025. De cara ao vindeiro curso, xa están previstas novas accións nesta mesma liña.
O obxectivo dos “Almorzos Saudables” é fomentar hábitos de vida saudables, centrados nunha alimentación equilibrada, promovendo o consumo de froitas, cereais e lácteos. Así mesmo, búscase concienciar sobre a importancia dun almorzo completo como unha das comidas principais do día.
Estas iniciativas pretenden tamén contribuír á prevención de prácticas de consumo non saudables e do uso de substancias aditivas, poñendo especial énfase na intervención temperá, en especial na poboación adolescente.
As actividades estiveron dirixidas ao alumnado de infantil e primaria, coa colaboración activa das direccións e do claustro de profesores dos centros, así como do alumnado de 5º e 6º de primaria, que contribuíu ao desenvolvemento das xornadas co seu esforzo e implicación.
Desde o Concello, o Alcalde expresou o seu agradecemento a todas as persoas que fixeron posible esta actividade: ás Mulleres Rurais da Cañiza, coidadores do comedor do CPI da Cañiza e nais que colaboraron de forma voluntaria e desinteresada.
O programa continuará nos centros escolares a partir do mes de setembro, cunha intensificación das accións e a incorporación de novas actividades. Preténdese implicar tamén ás familias e ao profesorado, co obxectivo de concienciar ao alumnado sobre a importancia dunha dieta saudable e equilibrada, baseada no consumo de froitas, verduras e auga.
A actividade completarase con outras accións centradas na saúde emocional.
Galería multimedia