O Alcalde Luis Piña felicitou a Fidel Rodríguez polos seus novos éxitos deportivos

O Alcalde da Cañiza, Luis Piña, felicitou publicamente a Fidel Rodríguez, veciño da nosa vila, adestrador e coordinador do Ximnasio Municipal, polo novo éxito deportivo acadado recentemente, levando con orgullo o nome da Cañiza por toda España.

O pasado 27 de setembro, Fidel Rodríguez obtivo a medalla de prata na categoría Máster 3 da I Copa de España Kukkiwon, celebrada en Poio, un evento histórico que reuniu a preto de 600 participantes de todo o país e que trouxo por primeira vez a Galicia o taekwondo tradicional da Kukkiwon. Esta competición contou con probas de Poomsae, Freestyle, Rompementos e Exhibición.

O Kukkiwon, con sede en Seúl (Corea do Sur), é a institución mundial de referencia do taekwondo tradicional, encargada de expedir os cintos oficiais, fixar os estándares técnicos e promover este arte marcial a nivel internacional.

Este logro súmase ao conseguido en febreiro deste ano, cando Fidel Rodríguez obtivo a medalla de bronce na categoría de Poomsae, Trío 4 masculino, no Campionato de España por equipos celebrado en San Vicente del Raspeig (Alicante). Aquel torneo reuniu a máis de 700 deportistas e coroou á selección galega como campioa nacional.

Con máis de 30 anos de dedicación ao taekwondo, cinturón negro 3º Dan, adestrador nacional e monitor deportivo municipal desde hai dúas décadas, Fidel representa un exemplo de disciplina, esforzo e superación persoal. Valores que transmite día a día aos seus alumnos e alumnas e que agora tamén pon en práctica como competidor, tras máis de 25 anos afastado das competicións oficiais.

O Alcalde Luis Piña resaltou que “Fidel Rodríguez é un exemplo de dedicación e superación, que enriquece á nosa comunidade e leva con orgullo o nome da Cañiza a toda España”.

 

O Alcalde Luis Piña felicitou a Fidel Rodríguez polos seus novos éxitos deportivos