O Alcalde Luis Piña e a presidenta da Fundación Eomaia, Lucía González Vicente, inauguraron a exposición “Soberanía Alimentaria” na Cañiza.

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA: SOBERANÍA ALIMENTARIA

A Casa de Cultura da Cañiza acolle desde onte a exposición fotográfica “Soberanía Alimentaria”. Unha mostra que permanecerá aberta ao público ata o 31 de outubro, en horario de 10h a 21h, e que pon o foco no papel esencial das mulleres rurais na sustentabilidade, na economía local e na preservación dos saberes tradicionais vencellados á terra.

Na inauguración, o Alcalde agradeceu a colaboración de todas as entidades implicadas e subliñou a importancia de acoller na Cañiza unha mostra deste alcance:

“É un orgullo poder ofrecer un espazo para reflexionar sobre a relación entre a muller, a terra e a sustentabilidade. Esta exposición é un exemplo de como a cultura pode ser tamén unha ferramenta de transformación social. A Cañiza sempre estará aberta a iniciativas que unan arte, memoria e compromiso co territorio.”

Grazas á EuroEume, o Centro de Desenvolvemento Rural Ancares, a Fundación Eomaia, Terra e Xente, Proxecto Luneda Activa, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia.

A chegada da exposición “Soberanía Alimentaria” á Cañiza foi posible grazas ao impulso da Fundación Eomaia, que propuxo ao Concello acoller esta mostra itinerante tras o seu paso por outros municipios galegos.

Segundo explicou Lucía González Vicente, presidenta da Fundación, a entidade leva meses traballando para achegar o proxecto “Enraizadas” a distintos territorios rurais, buscando espazos nos que a reflexión sobre o papel da muller e a soberanía alimentaria teña unha conexión real coa comunidade.

Lucía salientou que a mostra é “un recoñecemento ao papel das mulleres como gardiás da terra, pola súa capacidade de decisión, a súa forza creadora e o seu compromiso coa sustentabilidade”, e que combina fotografía, vídeo e actividades formativas para fortalecer a identidade rural e o vínculo co territorio.

Engadiu que a exposición pretende recuperar a mirada sobre o medio rural como espazo de vida, cultura e memoria compartida, reivindicando a igualdade e a soberanía como base dun futuro máis xusto e equilibrado.

As fotografías que integran a exposición proceden de diversos fondos e arquivos fotográficos galegos, entre eles a Biblioteca Pública Municipal de Pontedeume “Poeta Ramiro Fonte”, o Arquivo persoal de Antonio M. Leira Noche, a Agrupación Instructiva de Caamouco, o Fondo Documental Fondo do Eume, o Arquivo do Reino de Galicia, a Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado e o Museo Etnográfico da Capela.

A través destas imaxes, o público pode achegarse á memoria visual do traballo das mulleres no rural galego, ao seu esforzo colectivo e ao seu papel central na soberanía alimentaria.

 

 

O Alcalde Luis Piña e a presidenta da Fundación Eomaia, Lucía González Vicente, inauguraron a exposición “Soberanía Alimentaria” na Cañiza.

 

O Alcalde Luis Piña e a presidenta da Fundación Eomaia, Lucía González Vicente, inauguraron a exposición “Soberanía Alimentaria” na Cañiza.

 

O Alcalde Luis Piña e a presidenta da Fundación Eomaia, Lucía González Vicente, inauguraron a exposición “Soberanía Alimentaria” na Cañiza.