O Alcalde Luis Piña asistiu onte a unha nova xuntanza en Melgaço cos rexedores dos municipios de Arbo, Crecente, As Neves e Melgaço para avanzar na posta en marcha da «Eurocidade do Miño».
ADHESIÓN DO CONCELLO DA CAÑIZA Á EUROCIDADE DO MIÑO.
- O Pleno do Concello aprobará mañá, 28 de xullo, a adhesión da Cañiza á Declaración de Interese para a creación da Eurocidade do Miño e a Carta de Irmandamento e Amizade.
- Adhesión que selará o compromiso de colaboración transfronteirizo co obxectivo de converterse nun novo motor de dinamización social, económico, empresarial e turístico, que pretende implicar a todos os axentes activos da sociedade e fundamentalmente á xuventude.
Onte celebrouse en Melgaço a segunda xuntanza para continuar avanzando na preparación e posta en marcha desta «Eurocidade do Miño», quinta Eurocidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Un amplo territorio, formado polo Val do Miño cunha identidade común, longa tradición de cooperación entre os Concellos e cunha mesma estratexia de futuro.
Nesta nova xornada de traballo as autoridades resaltaron a proximidade xeográfica, así como as afinidades culturais, históricas e económicas existentes entre estos Municipios, como o xerme para a creación desta 5 ª «Eurocidade do Miño» que terá unha zona de influencia directa de 30.000 persoas.
O noso Concello dictaminou favorablemente na Comisión Informativa do pasado 22 de xullo a aprobación desta adhesión polo Pleno Ordinario que se celebrará mañá, 28 de xullo, e que suporá unha nova vía de colaboración transfronteiriza.