O Alcalde Luis Piña asistiu á Graduación dos alumnos de 3º curso da Escola Infantil Municipal da Cañiza
O pasado 30 de xuño celebrouse un emotivo acto de graduación na EIM da Cañiza, en homenaxe aos 17 nenos e nenas do último curso do ciclo 0 a 3 anos. Os pequenos protagonistas, con apenas tres anos, foron o centro dunha xornada chea de emoción, tenrura e orgullo para todos.
O acto contou coa presenza do Alcalde Luis Piña, quen visitou persoalmente o centro para acompañar ao alumnado e ás súas familias neste momento tan especial. Durante a cerimonia, o rexedor participou activamente na entrega dos diplomas, recoñecendo así o peche desta primeira e importante etapa educativa.
Acompañados polos seus pais, nais e familiares, os nenos e nenas viviron unha xornada moi especial, que simboliza a finalización dos seus primeiros anos de aprendizaxe nun entorno escolar cheo de coidado, experiencias compartidas e primeiros vínculos.
Os pequenos continuarán asistindo ao centro ata setembro, momento no que iniciarán unha nova etapa no Centro Público Integrado (CPI) da Cañiza.
Dende o Concello queremos felicitar ás familias pola confianza depositada na nosa Escola Infantil, e agradecer ao equipo educativo a súa dedicación, profesionalidade e o cariño co que acompañan día a día aos nosos cativos.
Parabéns aos nosos pequenos graduados e ás súas familias por esta importante etapa que remata!
Galería multimedia