O Alcalde Luis Piña asistiu este luns en Valeixe á entrega de diplomas e clausura do taller de estimulación cognitiva para maiores.

· Un curso de 20 horas de duración impartido por Solidaridad Intergeneracional que tivo como obxectivo promover actividades para favorecer a autonomía, o benestar e a calidade de vida das persoas maiores no ámbito rural.

A actividade desenvolveuse na instalación municipal situada na Praza dos Remedios, actual sede social da Asociación AMURUVA de Valeixe, no marco dos talleres impulsados polo Concello xunto a Solidaridad Intergeneracional, financiados pola Xunta de Galicia. O curso contou coa participación de 17 veciños e desenvolveuse entre o 4 de maio e o 5 de outubro.

O taller tivo como obxectivo traballar e reforzar diferentes capacidades cognitivas, favorecendo o mantemento da autonomía persoal, a participación activa e a adquisición de hábitos que contribúan ao benestar das persoas maiores. Ao longo das sesións, as persoas participantes puideron realizar diferentes actividades e dinámicas orientadas á estimulación da memoria, a atención, a concentración e outras capacidades cognitivas, combinando o traballo individual coa interacción e a participación en grupo.

Entre os contidos impartidos destacaron o adestramento en técnicas de memoria para mellorar a codificación, almacenamento e recuperación da información, razoamento, linguaxe e escritura, cálculo, memoria visual e praxias construtivas, creatividade e gnosias, entre outros.

Este taller de Valeixe forma parte dunha programación máis ampla de actividades desenvolvida ao longo de 2026 coa finalidade de achegar formación, acompañamento e recursos ás persoas maiores e á poboación do medio rural.

Dentro desta programación tamén se desenvolveu en Randufe (Achas) o taller de alfabetización dixital para maiores, impartido entre o 7 de maio e o 23 de xullo de 2026, no marco do Programa de Inclusión Dixital, no que participaron 11 persoas.

A programación completouse co taller de benestar persoal, celebrado no Centro Social da Caniza, entre o 6 de maio e o 30 de setembro de 2026, con 16 persoas participantes, e desenvolvido no marco do Programa de Servizos de Atención Social de Proximidade para o Medio Rural.

Esta iniciativa forma parte da liña de colaboración que o Concello mantén con Solidaridad Intergeneracional, ao abeiro do convenio asinado o 12 de xullo de 2024, para o desenvolvemento de programas destinados á promoción da autonomía persoal, a prevención da dependencia, a loita contra a soidade non desexada e a redución da fenda dixital entre as persoas maiores.

O Alcalde agradeceu ás persoas participantes a súa implicación e destacou a " boa acollida destas propostas, así como a importancia de continuar organizando talleres e cursos que contribúan a mellorar o benestar e a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas".