O Alcalde Luis Piña asinou onte o novo protocolo de adhesión ao convenio do programa galego de vixilancia e control fronte á vespa asiática (velutina)

  • Un Convenio suscrito entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para a coordinación de actuacións no desenvolvemento deste programa de vixilancia.
  • Este convenio que se renova para continuar en 2025 coas anteriores colaboracións, establece os mecanismos adecuados para asegurar unha maior participación, coordinación de investimentos, actuacións e intercambio de información entre a Xunta, a Fegamp e os Concellos na loita contra esta especie invasora.
  • O Concello da Cañiza adheriuse por primeira vez a este programa de vixilancia en abril de 2021.
  • Un programa que permitirá, unha vez recibido o aviso comunicado polos afectados a través do  012 e 112,  eliminar ou neutralizar os niños activos de avespa asiática cun tempo de resolución dun máximo de 5 días hábiles.

 

O Alcalde Luis Piña asinou onte o protocolo de adhesión do Concello a este Convenio no que participan 313 Concellos de Galicia, co obxectivo de frear e actuar para atallar a problemática xerada polo avance da avespa asiática en Galicia a través do  Programa de vixilancia e control fronte a esta especie.

Un Programa que nace xa no ano 2014 co fin de minimizar a incidencia que ao respecto ten a vespa asiática sobre as producións apícolas e sobre a seguridade cidadá.

Este Programa de Vixilancia recolle as actuacións necesarias para a contención e seguimento da velutina, tendo en conta que este insecto afecta principalmente á produción apícola e tamén ten repercusións sobre a biodiversidade e a seguridade cidadá.

Inclúe actividades relacionadas coa detección precoz de niños mediante avisos a través do 012 e 112 e o control e eliminación/neutralización de niños sempre que sexa posible.

 

O pasado 4 de marzo Xunta e Fegamp volveron a asinar este mesmo convenio ao que onte se adheriu o Concello da Cañiza

Ata o ano 2020, as actuacións para a retirada dos niños de Vespa Velutina foron realizadas, dependendo das zonas, polos concellos colaboradores directamente, pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e pola Consellería do Medio Rural.

Posteriormente, con data 24 de febreiro de 2020 a Xunta de Galicia e a FEGAMP, co obxecto de redobrar esforzos e centralizar recursos, asinaron un convenio para establecer a coordinación de actuacións, nesta ocasión a través de SEAGA.  Este convenio volveu a ratificarse o  10 de marzo de 2021  e na actualidade o pasado 4 de marzo de 2025, para dar continuidade á execución de forma coordinada do programa galego de vixilancia e ofrecer unha solución homoxénea en tódalas zonas afectadas.

 

NOTA PIE DE FOTO: Foto de arquivo de marzo de 2023, con motivo do inicio da 2ª  campaña municipal de trampeo contra a vespa velutina, na que o Concello colaborou adquirindo o líquido atraente para a neutralización dos niños.

 

O Alcalde Luis Piña asinou onte o novo protocolo de adhesión ao convenio do programa galego de vixilancia e control fronte á vespa asiática (velutina)