O Alcalde Luis Piña asinou onte o convenio de colaboración coa «VÍA MARIANA DE PEREGRINACIÓN LUSO–GALAICA que une Braga con Muxía»

Xunto co Presidente da Asociación de Veciños de Parada–A Paradanta, Manuel Augusto Meiriño e o Presidente da Comunidade de Montes VMC de Parada de Achas, José Luis Gómez Antón. No acto tamén estivo presente a Presidenta da Asociación Vía Mariana Luso Galaica, María José Silva.

Un compromiso mutuo de colaboración para impulsar o desenvolvemento deste importante proxecto turístico, cultural, relixioso, económico e social e para captar fondos de todas as administracións públicas para a construcción dun Albergue de Peregrinos e un moderno Centro de Interpretación da Vía Mariana no lugar do Feirón en Parada.

Dúas obras que serán definitivas para converter Parada, e polo tanto A Cañiza nun lugar de referencia para os peregrinos.

A sinatura tivo lugar onte pola tarde, na Casa Cultural de Parada, antes da reunión que o Alcalde mantivo cos veciños da parroquia.

Este Convenio xurde para formalizar compromisos entre as tres partes. Dende o Concello establécese a colaboración para buscar axudas que irán destinadas á construcción dun Albergue de Peregrinos na antigua casa da carnicería e adaptación da Casa Cultural de Parada en Centro de Interpretación da Vía Mariana.

Ambas edificacións están situadas no Feirón, no antigo mercado da parroquia de Parada que se converterá no centro neurálxico desta Vía que comeza no Santuario do Sameiro en Braga (Portugal) e ao longo de 382 km chega ata Muxía na Coruña, pasando polos santuarios marianos máis importantes, entre eles o da Franqueira.

Unha Vía chea de paisaxe e patrimonio cultural e espiritual, apoiado por 29 institucións cun obxectivo común: crear sinerxias para loitar contra as zonas rurais máis desfavorecidas, mellorar a calidade de vida dos homes e mulleres destas zonas e ponderar a nosa riqueza paisaxística, patrimonial e relixiosa, como un revulsivo para proxectar as zonas rurais luso galaicas máis deprimidas coñecidas como o “deserto verde”. Esta vía tamén está concebida como un punto de encontro espiritual.

Segundo manifestou o Alcalde da Cañiza, Luis Piña, “esta vía é un proxecto altruista e ambicioso feito coa suma de talentos e vontades con moitos obxectivos á vista pero principalmente para atraer inversións e desenvolvemento para A Cañiza”.

“Por iso, o Concello da Cañiza asume o compromiso de buscar e obter a financiación necesaria para este proxecto, en calquera das administracións públicas (axudas da Unión Europea, ministeriais, autonómicas ou provinciais)”.

“Tamén se compromete a desenvolver todas aquelas accións que teñan como obxectivo principal o asentamento de bases para a creación de riqueza, neste caso co turismo como cun gran potencial para loitar contra a despoboación do rural e para dinamizar e promover accións económicas revitalizadoras”.

 https://www.facebook.com/viamarianalusogalaica/

 

O Alcalde Luis Piña asinou onte o convenio de colaboración coa «VÍA MARIANA DE PEREGRINACIÓN LUSO–GALAICA que une Braga con Muxía»

 

O Alcalde Luis Piña asinou onte o convenio de colaboración coa «VÍA MARIANA DE PEREGRINACIÓN LUSO–GALAICA que une Braga con Muxía»