- O convenio, con 30 anos de vixencia, garantirá investimentos continuados en iniciativas sociais, ambientais e de desenvolvemento local, sempre e cando o proxecto do Parque Eólico "As Fenteiras" prospere.
- A Cañiza podería percibir nesta anualidade 16.887,75 euros do promotor eólico, que se compromete a achegar anualmente o 2,5 % do beneficio neto do parque para apoiar actuacións municipais.
O Salón de Plenos do Concello da Cañiza acolleu o pasado 1 de decembro a sinatura do Convenio de Colaboración entre o Concello da Cañiza e a empresa Helioceratops Invest, S.L., promotora do Parque Eólico As Fenteiras, destinado a impulsar o Proxecto de Responsabilidade Social Local vinculado ao desenvolvemento desta instalación enerxética.
O Convenio foi asinado polo Alcalde Luis Piña en nome do Concello, e Óscar Palomares en representación de Helioceratops, quen estivo acompañado do responsable do desenvolvemento de negocios enerxéticos de Driza en Galicia, Juan Méndez-Trelles.
O documento establece un marco estable de cooperación, polo que Helioceratops achegaría fondos que o Concello poderá xestionar integramente e de maneira autónoma, destinándoos a iniciativas sociais, medioambientais e de desenvolvemento local, co obxectivo de mellorar o benestar da veciñanza e promover un modelo municipal máis sostible.
O acordo ten unha vixencia de 30 anos, directamente ligada á posta en marcha e á vida útil do Parque Eólico As Fenteiras.
Esta temporalidade garante unha colaboración continuada e estable durante tres décadas, permitindo ao Concello planificar actuacións estruturais, plurianuais e de impacto sostido no territorio.
Segundo o Anexo I do convenio, e considerando a configuración actual do proxecto, A Cañiza podería percibir neste ano unha achega estimada de 16.887,75 €, equivalente ao 37,5 % do total destinado aos municipios afectados polo parque eólico.
Esta cantidade forma parte do compromiso de Helioceratops de destinar anualmente o 2,5 % do beneficio neto do parque a iniciativas de responsabilidade social local, unha vez a instalación estea operativa.
O Concello determinará cada actuación mediante anexos específicos, nos que se detallarán os obxectivos, os recursos e o seguimento administrativo.
Durante o acto, o Alcalde Luis Piña subliñou que “este acordo reforza a aposta do Concello por un desenvolvemento equilibrado e sostible, cuxo retorno repercutirá directamente na mellora do benestar das nosas veciñas e veciños”.
Pola súa banda, os representantes da empresa destacaron o seu compromiso co territorio e coa creación de valor compartido nos municipios nos que desenvolven a súa actividade.