O Alcalde Luis Piña trasladou publicamente a súa felicitación a Fidel Rodríguez Pérez, adestrador e coordinador do Ximnasio Municipal, pola Medalla de Ouro na modalidade master-3 menos 65 tecnica-individual conseguida no Campionato Galego de Técnica de Adultos 2026, celebrado o pasado 24 de xaneiro.
A competición, correspondente ás modalidades técnicas do taekwondo, tivo lugar no Pabellón A Pinguela, en Monforte de Lemos, e reuniu a arredor de 200 deportistas procedentes de clubs de toda Galicia, converténdose nunha das principais citas autonómicas desta disciplina.
Este primeiro posto supón ademais a súa clasificación para o Campionato de España de Taekwondo, que se celebrará o vindeiro 21 de febreiro en Sevilla, no que participará en dúas disciplinas: técnica individual e técnica por tríos.
Este novo éxito súmase a unha traxectoria deportiva e profesional amplamente recoñecida. Con máis de 30 anos de dedicación ao taekwondo, cinturón negro 3º Dan, adestrador nacional e monitor deportivo municipal desde hai dúas décadas, Fidel Rodríguez compaxina o labor formativo cos logros competitivos, regresando ás competicións oficiais tras máis de 25 anos centrado exclusivamente na preparación dos seus alumnos e alumnas.
Nos últimos anos, Fidel vén colleitando importantes resultados a nivel autonómico e estatal, como a medalla de prata na I Copa de España Kukkiwon ou a medalla de bronce no Campionato de España por equipos de Poomsae, contribuíndo ademais a que a Selección Galega se proclamase campiona nacional por equipos. Uns éxitos que reforzan o prestixio do deporte cañicense.
O Alcalde destacou que “Fidel Rodríguez é un exemplo de esforzo, constancia e superación persoal, valores que transmite día a día ao seu alumnado e que representan á perfección o espírito deportivo da Cañiza”, subliñando que “cada novo logro é motivo de orgullo para todo o municipio”.
Tras esta nova medalla, Fidel Rodríguez comentou á Alcaldía que “este é un camiño no que hai que ir dando pasos firmes, con valentía, coraxe, disciplina, tesón, esforzo, constancia e espírito de sacrificio. As cousas nunca chegan porque si: chegan cando hai traballo detrás, cando se cre nun mesmo, cando se sabe onde se está e a onde se quere chegar.
A loita máis grande que imos ter sempre é con nós mesmos: quen somos e en quen queremos chegar a converternos. Por iso, hai que seguir loitando polo que nos gusta, polos retos, e continuar superando obstáculos e metas”.
Desde o Concello reitérase o apoio ao deporte e felicítase a Fidel Rodríguez por esta nova medalla, desexándolle un novo éxito en Sevilla.