O Alcalde e a Asociación “Cañiza Felina” asinaron onte o convenio de colaboración para xestionar as colonias felinas

Así o adiantou Luis Piña tras asinar na tarde de onte, xunto coa Presidenta da Asociación, Nuria González, o Convenio que permitirá ter controladas estas colonias como obriga a Lei estatal 7/2023 do 28 de marzo, que implica aos Concellos nas tarefas de control destas colonias nos municipios.

Trátase dunha colaboración mutua na que esta Asociación e os seus colaboradores, amantes dos animais, traballarán desinteresadamente co Concello para desenvolver as tarefas de control.

“Este é un primeiro paso moi humilde, porque as necesidades son enormes, polo que estas medidas de control aplicaranse neste primeiro ano soamente nun número reducido de colonias” comentóu o Alcalde tras a sinatura deste Convenio que xa se aprobou na sesión plenaria do pasado 27 de febreiro cos votos a favor de toda a Corporación Municipal.

Luis Piña explicou que “o Convenio estará en vigor durante un ano, tras o que se valorará si as medidas aplicadas foron exitosas. Os resultados destes estudos permitirán seguir nesta liña ou implementar cambios”.

O Alcalde agradeceu a gran labor que acometerá a asociación CAÑIZA FELINA. Unha entidade sen ánimo de lucro, integrada por veciños voluntarios, que non percibirán ningunha contraprestación económica e “así debe ser entendido polo conxunto dos nosos veciños, á hora de requerir o servizo”, comentou o Alcalde.  Ademáis informou que hai moitos máis veciños que tamén están en sintonía para colaborar nestas accións.

O Convenio asinado onte ten a finalidade de establecer as bases da colaboración técnica e económica entre o Concello da Cañiza e a ASOCIACIÓN CAÑIZA FELINA para a execución de actuacións nas colonias felinas da Cañiza, co obxectivo de que estén nas mellores condicións sanitarias, conseguindo así mellorar a salubridade pública na zona onde se sitúan.

O Convenio tamén establece actuar sobre as colonias en situacións de emerxencia e confeccionar un censo aproximado co estado sanitario, que inclúe a desparasitación e esterilización dos animais.

Para desenvolver todas estas actuacións e os costes veterinarios derivados do plan de xestión das colonias, o Concello destinará ata un máximo de 1500€ e a parte correspondente do servizo provincial CAAN destinada a estos efectos, do que o Concello da Cañiza é beneficiario en 50 esterilizacións por ano.