O Alcalde e Alvaro Pino presentan no Concello a VII edición da Sestelo Clásica Álvaro Pino 2022

Unha proba ciclista que se celebrará este 22 de maio con percorrido polas terras do Condado e A Paradanta.

Este gran fondo terá a súa 1ª parada de avituallamento na Cañiza, onde o Concello repartirá entre todos os participantes un bocadillo do noso mellor xamón.

Esta mañá o Alcalde Luis Piña e o gran ciclista Alvaro Pino, vencedor da Volta Ciclista a España en 1986,  presentaron no Salón de Plenos Municipal una nova edición da marcha ciclodeportiva «La Sestelo Clásica Alvaro Pino 2022». Unha proba ciclista de carácter non competitivo, organizada pola Asociación Deportiva Cultural Plan C, cun trazado de 110 km, dos cales 30 desenvolveranse polas estradas do noso Municipio.

O percorrido polas nosas terras comezará subindo ao Alto de Moncelos (Petán), un dos 3 altos de montaña da Marcha con máis altitude (806m), pasando pola Praza Maior para o primeiro avituallamento, Achas, Parada, Luneda (onde está marcado o segundo alto de montaña con 777 metros de altitude) e A Franqueira.

O cronograma da proba contempla unha primeira parada no noso Municipio. Sobre as 11:20h  da mañá a Praza Maior converterase no centro de avituallamento e reagrupación de corredores.

Segundo comunicou o Alcalde Luis Piña na presentación desta mañá,  o Concello volverá a agasallar a todos os participantes desta VII Marcha cun bocadillo do mellor xamón da Cañiza “ en agradecemento á organización da proba por ter elexido o noso Concello para formar parte do trazado desta competición que xa é un referente no ciclismo”.

Este gran fondo cicloturista repite un ano máis percorrido. Con saída e chegada a Ponteareas, cun tramo inicial neutralizado e o resto a velocidade libre, tentará reagrupar aos corredores nos avituallamientos da Cañiza e Covelo para evitar a dispersión. A marcha pasará por 7 concellos (Ponteareas, Mondariz Balneario, Mondariz, Covelo, Cañiza, As Neves e Salvaterra), terá máis de 2.000 metros de desnivel acumulado nun percorrido esixente pero asumible, e pasará por 3 altos de montaña, dous deles na Cañiza ( en Moncelos e Luneda).

Segundo manifestaron esta mañá os organizadores, este ano estímase unha participación de 500 corredores tras o éxito da pasada edición. Desde a organización confirman que xa está aberto o último tramo de inscricións na páxina web oficial www.clasicaalvaropino.com. , que pechará o vindeiro 8 de maio ás 23:59h.