O Alcalde despediuse do operativo da Brilat despregado na Cañiza con motivo da finalización da «Operación Centinela Galego 2022» de defensa dos nosos montes.

Remata a «Operación Centinela Gallego 2022» (15/08/2022 – 30/09/2022)

 

Luis Piña achegouse  o pasado 30 de setembro  ata o Centro Cultural o Pateiro de Oroso, localización onde estiveron despregados os efectivos militares da Brilat que formaron parte da Operación Centinela Gallego 2022.

Nesta visita o Alcalde despediuse e agradeceu a labor desenvolvida durante este verán no noso término municipal. Unha labor de vixiancia continua, de disuasión, visibilidade e de interacción coa nosa veciñanza.

Neste encontro, un ano máis, Luis Piña reiterou “o compromiso e plena vontade do Concello de colaborar na Operación Centinela para defender os nosos montes, aportando todos os efectivos e maquinaria municipal necesarios para loitar contra os incendios forestais”.

Pola súa banda, o operativo militar tamén agradeceu a boa acollida que durante todo o despregamento recibiu tanto da veciñanza como da institución municipal, afirmando que o aloxamento e as instalacións ofrecidas polo Concello son dunha alta capacidade operativa.

As patrullas despregadas na Cañiza teñen o centro e unidade de mando na Casa Cultural O Pateiro de Oroso, adaptado para acoller esta Operación dende o ano 2019.

Nese  ano o Alcalde Luis Piña adoptou a decisión de reubicar o operativo, que nos últimos anos estaba despregado nas instalacións do CPI da Cañiza, ofrecéndolle as instalacións do Centro do Pateiro. Unha edificación que foi reformada ad hoc coa dotación de duchas,  a construcción dun novo pozo de barrena de aporte de auga e outras pequeñas reparacións, que conseguiron mellorar a estadía dos efectivos militares.

Dende o 15 de agosto ata o 30 de setembro estiveron despregadas  un total de 30 patrullas terrestres nas zonas da Comunidade con maior actividade incendiaria. Unha delas na comarca do Condado - Paradanta, con sede única na Cañiza, que integra todos os Concellos do Distrito XVII e o Concello de Melón, pertencente ao Distrito XI Ribeiro - Arenteiro.