Esta mañá visitou o Concello da Cañiza a doutora Dª Olga Vázquez Álvarez, responsable da Xunta de Galicia en Pontevedra para o Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama 2025.
Durante a súa visita, mantivo unha reunión co Alcalde Luis Piña, para explicarlle detalladamente as opcións que terán as veciñas da Cañiza, de entre 50 e 74 anos, que desexen participar neste programa de cribado.
A campaña desenvolverase no noso municipio entre os días 13 e 23 de outubro de 2025.
A Consellería de Sanidade enviará unha mensaxe SMS coa data e hora da cita a todas as mulleres que cumpran os requisitos para participar no programa. As usuarias que non teñan asociado un número de teléfono móbil recibirán a citación por carta no seu domicilio, xunto cun folleto informativo sobre o servizo de transporte habilitado.
O lugar establecido para a realización das mamografías é a Unidade de Exploración, situada no Hospital do Meixoeiro de Vigo (consultas externas, planta 1).
Para facilitar o desprazamento, o programa ofrece transporte gratuíto ata esta Unidade. O autobús municipal funcionará en horario de mañá, con saídas ás 08:00 h e as 11:30 h, desde a parada situada diante do edificio Gran Sol.
Este servizo é voluntario, polo que as usuarias tamén poden desprazarse polos seus propios medios. Non obstante, só estará dispoñible durante as datas asignadas ao Concello da Cañiza. As citas reprogramadas fóra deste período non contarán co servizo de transporte.
Lembramos que este programa está dirixido exclusivamente a mulleres asintomáticas de entre 50 e 74 anos. Ante calquera síntoma (como aparición de bultos, manchas, cambios na forma do peito, etc.), é imprescindible acudir previamente ao médico de atención primaria para a súa valoración.
Para máis información ou no caso de non recibir a citación, está dispoñible o teléfono gratuíto do programa:
981 14 14 14.
Desde o Concello da Cañiza animamos a todas as veciñas a participar nesta importante iniciativa de prevención.