O Alcalde anuncia a posta en marcha do sistema de xeotermia na Casa Consistorial
- A nova instalación permitirá aforros enerxéticos de ata o 65% e evitará a emisión de máis de 20 toneladas de CO₂ ao ano
O Alcalde Luis Piña anunciou esta mañá que o novo sistema de xeotermia instalado na Casa Consistorial xa está en funcionamento. Trátase dunha actuación estratéxica que suporá un importante avance na eficiencia enerxética deste emblemático edificio e un paso decidido cara a un concello máis sostible e respectuoso co medio ambiente.
Segundo explicou o Alcalde, o novo sistema permitirá reducir notablemente os consumos enerxéticos, as emisións contaminantes e os custos de mantemento, mellorando así o confort dos espazos municipais e promovendo o uso de enerxías renovables.
A obra formou parte do proxecto “Instalacións Xeotérmicas Sostibles II”, integrado no Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (Programa DUS 5000).
Unha actuación que supuxo un investimento total de 227.892,61 €, financiado en gran parte polo IDAE (85%, con 193.708,71 €) e pola Deputación de Pontevedra (8%, con 18.231,41 €) e na que o Concello solo investiu o 7% restante, equivalente a 15.952,49 €.
O proceso iniciouse xa en 2019, coa tramitación técnica por parte do Goberno local, culminando coa sinatura dun convenio coa Deputación de Pontevedra o 10 de abril de 2023, que asumiu a dirección e execución da obra.
A intervención consistiu na substitución da antiga caldeira de gasóleo por un sistema xeotérmico vertical de circuíto pechado, baseado en 8 pozos de 150 metros de profundidade, que suman 1.200 metros lineais de captación térmica.
A enerxía extraída do subsolo —cunha temperatura estable entre os 14 e 16 ºC— aliméntase mediante unha bomba de calor xeotérmica reversible de alta eficiencia, cunha capacidade de 71,6 kW para calefacción e 37,9 kW para refrixeración, e un COP superior a 4,5, o que se traduce en aforros enerxéticos de máis do 60% respecto ao sistema anterior.
A instalación inclúe tamén un depósito de inercia e un acumulador de auga quente sanitaria, ambos de 500 litros.
A reforma completouse coa substitución dos 42 radiadores existentes por modernos ventilo-convectores de baixa silueta, con regulación individual de temperatura e ventiladores inverter. Esta mellora permite a implantación dun sistema bioclimático integral, con funcións tanto de calefacción como de refrixeración, adaptado ás necesidades estacionais.
En canto aos beneficios ambientais e económicos o Alcalde subliñou os seguintes:
- Redución de emisións: Evitaranse máis de 20 toneladas de CO₂ ao ano ao eliminar a antiga caldeira de gasóleo.
- Aforro económico: O gasto en climatización poderá reducirse ata nun 65% anual, grazas á alta eficiencia do novo sistema.
- Menor mantemento: A xeotermia require menos operacións de limpeza e revisión, aumentando a fiabilidade do servizo.
Luis Piña destacou que “a implantación da xeotermia supón dar un paso decidido cara á modernización das instalacións municipais, aproveitando tecnoloxías limpas e reducindo o gasto público”.
Ademais, todos os datos de consumo actual do sistema de xeotermia —con información detallada por día, mes e ano— poden consultarse publicamente no Portal de Transparencia da páxina web do Concello, a través da seguinte ligazón:
Galería multimedia