O Alcalde anuncia a celebración por 1ª vez da «NOVA FEIRA» da Cañiza que se estrea o vindeiro 17 de xullo de 2022, domingo

  • Unha iniciativa que segundo comunicou Luis Piña «nace coa intención de converterse pouco a pouco e con humildade nun activo máis de promoción e impulso da economía local, lugar de encontro e, co tempo, tamén nun referente comarcal».
  • A Nova Feira dos domingos estará distribuida en 4 áreas temáticas exclusivas adicadas á produtos ecolóxicos, artesanía, antigüidades e produtos tradicionais xenéricos.
  • Cada área temática estará localizada nunha rúa da vila. Na Travesía do Mercado os  produtos ecolóxicos, na rúa do Carme os produtos de artesanía, na Praza Maior as antigüidades e no resto das rúas os produtos xenéricos.
  • A día de hoxe xa está garantida a presenza de 13 dos postos habituais que terán preferencia nas localizacións sobre os novos postos.
  • A partires do 27 de xuño e ata o 1 de xullo permanecerá aberto o prazo para que os feirantes e comerciantes que o desexen, poidan solicitar praza para a instalación do seu  posto de venda ambulante.
  • A Nova Feira introducirá un elemento musical con actuacións de grupos do municipio e da contorna  e potenciará como activo gastronómico os tradicionais callos cañicenses das feiras.

 

ESTA NOVA FEIRA NACE COA INTENCIONALIDADE DE IMPULSAR O POTENCIAL ECONÓMICO DO MUNICIPIO E DA SÚA COMARCA, COMO UN REVULSIVO QUE, CON HUMILDADE E TEMPO, SEXA CAPAZ DE CONVERTER Á CAÑIZA NUN LUGAR DE ENCONTRO E COMPRA DOMINICAL.

 

Por acordo do Pleno de data 30 de setembro de 2021, aprobouse definitivamente a Ordenanza reguladora da venda ambulante do Concello da Cañiza, en vigor dende a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, número 234, do 2 de decembro de 2021.

No Capítulo III, Artigo 5 desta ordenanza, recóllese a localización e periodicidade das feiras que se van a celebrar na Cañiza, entre elas a denominada “Nova Feira”, que se establece os últimos e antepenúltimos domingos de cada mes, nas rúas Regueiro, Vilanova, Oriente, Carme, Antonio Facorro, Rosalía de Castro, Travesía do Mercado, Prazas de Arbo e Maior.

Para por en marcha esta Nova Feira, que inicia a súa andadura o 17 de xullo de 2022, é necesario realizar unha reorganización dos postos e co fin de desenvolver e fomentar esta actividade de venda ambulante como unha actividade alternativa turística, comercial, gastronómica e lúdica, que ten como obxectivo principal ofrecer a veciños e visitantes un motivo máis para visitar A Cañiza, ábrese o prazo para que o comerciantes que o desexen poidan solicitar a instalación do seu posto.

A este respecto o Concello respetará a concesión de emprazamentos dos vendedores ambulantes que no día de hoxe xa teñen presentada a correspondente petición.

As novas solicitudes poderanse presentar no rexistro do Concello da Cañiza, de xeito presencial ou telemático a través da sede electrónica dende o día 27 de xuño a partires das 12:00h ata o 1 de xullo á mesma hora.

Estes novos postos, situaranse nos ocos baleiros, nas áreas temáticas respectivas, segundo o especificado na solicitude, por rigorosa orde de entrada. Os postos de venda ambulante que non se encadren nalgunha das áreas establecidas, situaranse nas rúas xenéricas, tamén por rigorosa orde de entrada.