No Pleno deste 27 de decembro o Concello aprobou entre outros asuntos o Informe de Seguemento do Pacto das Alcaldías polo Clima, PACES, que avanza unha reducción dun 19,44% nas emisións de CO2

  • Tamén a aprobación do texto do Convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para a retirada de vehículos abandonados ou fóra de uso.
  • E se acordou a adhesión ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

CONVENIO DE RENOVACIÓN COA DEPUTACIÓN PARA A RETIRADA DE VEHÍCULOS ABANDONADOS

Segundo comunicou esta mañá o Alcalde, "no Pleno Extraordinario celebrado ás 10.00h deste 27 de decembro,  aprobamos cos votos a favor de toda a Corporación,  o texto que temos que asinar coa Deputación para renovar o Convenio para a recollida e  tratamento dos vehículos abandonados ou fóra de uso que se atopan no término municipal da Cañiza e que levará a cabo a empresa que resulte adxudicataria no procedemento".

Trátase dun convenio asinado entre a Deputación e os Concellos da Provincia cunha poboación inferior a 50.000 habitantes para prestar o servizo de retirada de vehículos abandonados, en vigor durante estes últimos anos e que remataba o 31 de decembro deste 2023.

INFORME DE SEGUIMENTO DO PACTO DAS ALCALDÍAS POLO CLIMA E A ENERXÍA: conseguimos reducir un 19,44% as emisións de CO2

Na Sesión desta mañá tamén se aprobou o informe de seguimento do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, firmado inicialmente en febreiro de 2021 e que ten por obxectivo a reducción das emisión de CO2 nun 40% ( 8.769 emisións de CO2 [t] ).

No informe aprobado esta mañá confirmouse que a dous anos da aprobación inicial do PACES, A Cañiza conseguiu reducir as emisións nun 19,44% ( equivalente a 4.263 emisións de CO2 [t] ). Este informe desenvolveuse tomando como referencia os datos enerxéticos de 2022, comparándoos cos de 2019, para poder contabilizar as emisións derivadas dos principais sectores: residuos, instalacións municipais, edificios residenciais, alumeado público, frota municipal de vehículos entre outros ítems analizados.

Esta importante reducción de case o 20% das emisións, é un excelente indicativo das accións que o Concello está desenvolvendo para reducir as emisións do CO2. Entre elas destaca a reforma de todo o alumeado público do Concello ou a reforma enerxética da piscina climatizada. Claves para que en tan pouco tempo se teñan acadado estas porcentaxes, que teñen os seus obxectivos fixados nos anos 2030 e 2050.

QUÉ É O PACES?

O Pacto das Alcaldías «é a maior iniciativa urbana do mundo en materia de clima e enerxía». Esta iniciativa xurde da Comisión Europea, cuxo obxectivo é implicar aos gobernos da UE, de forma voluntaria, a implantar nos seus territorios o compromiso de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e loitar contra o cambio climático. Constitúe un movemento en continua evolución, que implica actualmente a máis de 10.000 autoridades locais e rexionais adheridas de 60 países, todos eles cunha visión común para o ano 2030 e 2050.

En palabras do Alcalde “Estamos moi satisfeitos cos resultados obtidos a dous anos de asinar o Pacto e dende o Concello continuaremos concentrando todos os esforzos en reducir a demanda de enerxía e adaptar a demanda enerxética á oferta promovendo a utilización de recursos enerxéticos locais”.

APROBAMOS A ADHESIÓN AO FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE

Tamén na orde do día da Sesión de hoxe aprobouse por maioría a proposta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, orientada a contribuír dende as entidades locais ao desenvolvemento dos países empobrecidos e á loita polo respecto dos Dereitos Humanos. Mediante a creación dun fondo económico que financie proxectos de cooperación ao desenvolvemento e campañas de sensibilización en Galicia sobre a solidariedade internacional e a xustiza social.

No Pleno adoptouse o ACORDO de adhesión desta Corporación ao FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE e de aceptar os seus Estatutos así como asumir o compromiso de dotar orzamentariamente unha partida, como achega anual ao Fondo Galego, segundo o sistema de cotas aprobada pola Asemblea xeral de entidades socias.

 

 

Conseguimos reducir nun 19,44% as emisións de CO2

 

 

Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía