A Franqueira recibiu este 25 de maio a máis de 500 ciclistas na 10ª edición da «Sestelo Clásica Álvaro Pino»
- “Sobre as 11:30h repartimos máis de 500 bocadillos de xamón na parada técnica que a proba realizou no Adro do Santuario da Franqueira, ao seu paso polas terras da Cañiza”, comentou o Alcalde Luis Piña.
- A proba superou este ano os récords de suscripcións e ademáis contou coa participación e apoio de ciclistas e deportistas de excepción. Ao carón de Alvaro Pino tamén estiveron Laudelino Cubino, Chechu Rubiera e Isidro Araújo e tamén Rafita, ex xogador de fútbol profesional e fillo doutra gloria do ciclismo ponteareán, Delio Rodríguez (tamén gañador dunha Volta a España).
- O Alcalde felicitou un ano mais á organización, Asociación Deportiva Cultural Plan C, e ao ex corredor Alvaro Pino polo rotundo éxito desta décima edición.
Este domingo 25 de maio celebrouse a 10ª edición desta marcha ciclodeportiva, de carácter non competitivo, organizada pola Asociación Deportiva Cultural Plan C.
Un gran fondo ciclo deportivo que discurriu polas terras das comarcas do Condado e Paradanta, atravesando 8 concellos con dous percorridos alternativos. Un máis curto de 75km e 1.424 m. de desnivel acumulado e un 2º circuíto longo de 129 km e 2.546 m. de desnivel acumulado. Un trazado que pon en valor o alto paisaxismo das nosas comarcas, enmarcadas polo curso dos ríos Miño e Tea e por monumentos como o Mosteiro da Franqueira ou o Castelo de Sobroso.
"Nesta edición, o percorrido pola Cañiza marcou unha parada técnica para avituallamento no Alto da Franqueira, no Adro do Santuario da Nosa Señora, lugar no que o Concello agasallou aos ciclistas cun bocata do mellor xamón cañicense", comentou o Alcalde que tamén quixo estar presente acompañado dos Concelleiros María José Rodríguez e Felipe Piña.
Luis Piña aproveitou tamén a ocasión para agradecer aos establecementos xamoneiros da Cañiza pola doazón de xamón para esta proba. Xamonería Paradanta, Kenia, Piri Piri, Área de Servizo da Cañiza, Os do Resero e xamonería Jaime. A todos, grazas pola colaboración.
Galería multimedia