« A ESENCIA DO REALISMO» : Título da exposición de arte que hoxe inaugura en Ávila noso artista máis universal, Diego de Giráldez.
- Unha mostra organizada polo Concello abulense, aberta ao público do 2 ao 13 de abril no edificio do Episcopio de Ávila e inaugurada polo artista cañicense e o Primeiro Teniente de Alcalde do Concello, José Ramón Budiño, coa participación do Concelleiro de Cultura, Angel Sánchez e a Concelleira da Corporación Laura García.
- Así o informou o Alcalde Luis Piña, quen agradeceu ao Alcalde abulense, Jesús Manuel Sánchez Cabrera, a invitación para asistir á inauguración desta nova exposición.
- “É unha honra e un privilexio poder asistir un ano máis a esta inauguración en calidade de Alcalde da cidade natal deste gran artista, fillo Predilecto da Cañiza,” comentou Luis Piña quen estivo acompañado neste acto pola 1ª Tenente de Alcalde María José Rodríguez.
- “ Un acto que para nós adquire cada ano unha maior relevancia cultural e social”, manifestou o Alcalde “xa que en cada visita a Ávila afiánzanse os nexos que unen A Cañiza con esta cidade histórica e cultural de España, patrimonio da Humanidade pola Unesco, coñecida ademais por ser a cidade natal de Santa Teresa de Jesús. Santa que tamén é a Patroa da Cañiza, onde conservamos dúas reliquias traídas desde Ávila, actualmente custodiadas na nosa Igrexa Parroquial”.
O acto comezou ás 11.30h na Praza do Mercado Chico (Praza do Concello). Punto de encontro desde o cal se realizou un desfile ata o edificio medieval do Episcopio (século XII. Antiga sala de sínodos do palacio episcopal) co acompañamento musical da Agrupación de Dulzaineros da escola municipal de Ávila e o grupo de gaiteiros galegos “Xesta Branca”.
Ás 12 do mediodía o Primeiro Teniente de Alcalde do Concello de Ávila, José Ramón Budiño, inaugurou oficialmente esta nova mostra de pintura e escultura, que acolle unha exposición fotográfica de máis de 500 obras nas que se explica cada unha das etapas do artista. Ademais as paredes do Episcopio albergarán nestes 12 días ao redor de 40 pinturas e catro esculturas baixo o título «A ESENCIA DO REALISMO: un percorrido pola carreira artística e a obra de Diego de Giraldez».
A exposición que se inaugura hoxe vira en torno ao “Realismo NAS”, fonte de inspiración da creación artística de Diego de Giráldez. Unha mostra onde todas as obras teñen un valor creativo auténtico e singular, entre as que destaca a obra “Retrato” do ano 1998, que segundo o propio autor adquiriu unha gran relevancia dentro do movemento “Realismo NAS: Naturalismo, Abstracción e Surrealismo”. Tamén o seu icónica obra “Os Galos” e “En busca da Vida”, esta última do ano 1999.
Nesta exposición recóllese tan só unha pequena mostra da súa produción artística que está cuantificada en máis de 2000 obras, segundo o seu rexistro particular, repartidas entre a súa Casa Museo de Encontro coa arte, que se pode visitar na Cañiza, coleccións particulares, institucións, igrexas, catedrais e museos repartidos polo mundo (nos que segundo nos comentou o artista, están expostas entre 130 e 140 obras de arte).
Unha extraordinaria obra artística na que se funden 55 anos de intensa creación, desde os seus debuxos iniciais, pasando polas distintas etapas e períodos de franciscanismo, ruralismo e o realismo NAS.
O acto finalizou ás 12.30h con notas musicais, nesta ocasión en fronte da Catedral de Ávila, onde cada agrupación interpretou varias pezas orixinais.
35 anos de relación cultural con Ávila
Desde o ano 1990 Diego de Giráldez expón na cidade de Ávila. Nalgunhas ocasións da man da Deputación e noutras a través do Concello. Pero o artista lembra con especial agarimo os seus inicios expoñendo coa Deputación e en concreto as súas exposicións polas vilas máis importantes de Ávila. Nesta época comezou a forxar a súa “unión con esta cidade histórica chea de arte, coa que mantén un forte vínculo emocional e afectivo”, en palabras do propio artista.
Galería multimedia